Pregón das festas da Peregrina

Autoras: Diana López Varela e Susana Pedreira Buján

Bo día, Pontevedra!!

Grazas alcalde, grazas ao Concello por regalarnos este momento único antes de comezar as festas da nosa cidade. Único para nolas dúas por motivos obvios. Pero, ademais, obxectivamente único porque nunca antes dúas mulleres xuntas foran pregoeiras das mellores festas do mundo que son as Festas da Peregrina.

E dúas mulleres xuntas sempre son un perigo, e máis con nove días de festa por diante!

Temos exemplos e grandes referentes: Jennifer López e Shakira: a que learon na Súper Bowl, era o ano 2020 e a primeira vez que dúas mulleres latinas actuaban no medio tempo dese evento seguido en todo o mundo.

Un inciso: alcalde Lores, queremos a Shakira en Tafisa, non nos chegou con JLo. (As veciñas e veciños da avenida de Bos Aires non apoian esta moción, sabémolo).

Máis referentes neste balcón que estrea dúas pregoeiras: Sonia e Selena, que puxeron a bailar toda a noite a un país enteiro no verán de 2001. Porque si, somos millennials ata a medula.

Elisa e Marcela, as primeiras mulleres en casar en España: era o ano 1901,

e eran galegas!

As dúas Marías de Compostela: vivan Maruxa e Coralia, paseando de ganchete e facendo as beiras aos universitarios, sinaladas como tolas e solteironas. Que vivan as tolas e solteironas do mundo, que veñan todas a Pontevedra que temos nove días de festa por diante!Por certo, que levanten a man todas e todos os pontevedreses que comezaron a facer as beiras, a bicar, a facer petting… ou a namorar xustamente nas Festas da Peregrina.

E tamén nos sentimos un pouco Thelma e Louise: Susan Sarandon e Geena Davis en 1991 rompendo os estereotipos marcados por Hollywood. Dúas mulleres podían protagonizar unha película sen ter que levarse mal ou directamente ser inimigas.

Grazas, Thelma.

Grazas, Louise.

Por ensinarnos en 1991, cando nós tiñamos 8 e 5 anos, que un dos maiores tesouros que unha muller pode ter é unha amiga coa que escapar sen rumbo.

E grazas tamén por ensinarnos o perigo que corre un home se intenta violar unha amiga.

Queridas Thelma e Louise: seguimos traballando e sendo perigosas neste 2025 –31 anos despois– para non ter que dicir, coma vós en 1991, “Ninguén nos vai crer”.

E se dúas mulleres xuntas son un perigo, imaxinade cen. Pois hoxe aquí parecemos dúas pero somos un cento: as cen mulleres que opinan que desde 2018 pasaron por esta cidade de Pontevedra orgullosas de ser perigosas.

Si, orgullosas de ser un perigo porque necesarias xa sabemos que o somos.

Que as mulleres que opinan son necesarias é tan obvio que nunca foi unha opción para nomear o foro que organiza Pontevedra desde hai sete anos.

Que esta cidade apostara sen complexos por reivindicarse como perigosa e

feminista é un impulso inmenso para a igualdade real pola que traballamos, moitas veces cansas de repetir o mesmo, pero sen descanso. Facémolo para todas e todos, tamén –e sobre todo– para os que non o entenden.

Facémolo polas que están e polas que veñen detrás. Polos nenos e polas nenas que, como a miña filla, din “gústame Pontedevra porque aquí estou moi alegre”.

Que importante é a alegría! Esa que nos invade agora coas festas, esa mesma que transmite Pontevedra fóra de aquí polo seu modelo de cidade, polo Tríatlon, polos Feroz e tamén por “As mulleres que opinan son perigosas”, por ser un espazo seguro para reivindicarse feminista. Ese é o maior orgullo que podemos sentir mentres ocupamos hoxe aquí este balcón ateigado non só polas cen mulleres que opinan que nos visitaron, senón tamén polos centosde mulleres que desde 2018 sentaron a escoitalas.

Grazas a cada unha de vós.

Vivir nunha cidade feminista é algo co que eu xa soñaba nos 90 cando aprendía feliz e intoxicada por Tafisa no colexio da Xunqueira I, porque antes de JLo e do BigSound a chavalada bailabamos ó ritmo do fume das chemineas e das Spice Girls. E aínda que as nenas dos 80 e dos 90 non souberamos que era o feminismo, si que sabiamos o que era o machismo… por exemplo, cando o profesor de Educación Física nos daba unha bolsa de lambonadas ás nenas mentres mirabamos os nenos xogar ó fútbol. Tiven a sorte de medrar e facerme feminista e ecoloxista ó mesmo tempo que o facía esta cidade. Por iso eu son PTV, non polo sangue nin polos apelidos, senón polo orgullo e a esperanza que me dá pertencer a un lugar que mira ó futuro. E por iso regresei aquí para ser nai e para sementar máis futuro. Aínda que ata regresar din algunhas voltas cunha soa cousa clara: estudar xornalismo como a miña amiga Susana, a quen eu admiraba xa desde nena. Non sei que tería sido de min sen os teus apuntamentos, Su. Fuches o meu chatGPT.

Apuntamentos que me devolveu cando vin á miña entrevista de traballo en Pontevedra, entrevista á que ela me acompañou ata a porta. Fuches o meu talismán para quedar aquí, Diana. E eu nunca saberei quen sería eu se nacese en Pontevedra e non en Vitoria, se a miña infancia e adolescencia transcorresen aquí e non en Melide, se estudase aquí e non en Compostela. 

Pero sei que non sería quen son sen os últimos 16 anos de vida, radio e amores nesta cidade. Chegar aquí con 25 anos foi unha fortuna da que pouco tardei en ser consciente. E hoxe, con 41, permitídeme que diga que nunca poderei ser PTV pero xa hai ben tempo que son PDC: Pontevedresa de Corazón, porque dá igual onde naciches, se tes a sorte de acabar vivindo en Pontevedra esta é a túa cidade e o teu lugar no mundo. Xa somos tantas PDC como PTV e iso fala moito e ben desta cidade.

Mulleres PTV e PDC xa opinaban e promovían a conversa en Pontevedra hai moitos anos. Mulleres como as irmás Mendoza no seu palacete aquí ao lado, ou Concepción Arenal na súa casa durante meses de vida na rúa da Oliva.

Por moito que a Historia, con maiúsculas, dos parladoiros desta cidade pase só polo Café Moderno con Quiroga, Cabanillas, Casares, Paz Andrade, Bóveda e Castelao dándolle á lingua.

Confeso que cada vez que paso por diante da escultura na praza de San Xosé achégome a un deles e con cariño dígolle ao oído: Grazas por todo, pero sabes que? EN PONTEVEDRA HAI MULLERES QUE OPINAN!Eu dígolles: quen vos faría a cea para que puiderades estar aquí de chill arranxando o mundo purito en man?

A realidade é que a nosa Pontevedra é unha cidade da que falamos en feminino: a Peregrina, A Ferrería, a alameda, A Leña, A Verdura, A Illa das Esculturas, A Xunqueira da Gándara, Santa María, as pontes (da Barca, das Correntes, das Palabras), As Corvaceiras, Estribela, A Fracha, As Palmeiras, A Parda, A Moureira, A Oliva, a Michelena, A Seca, A Eiriña, a Feira Franca, as peñas!

Amalia Álvarez ten parque, María Victoria Moreno, Josefina Arruti e Virxinia Pereira teñen avenidas, e non esquezades que o Campiño é de Santa María.

Que bos tempos temos pasado tamén alí nas Festas da Peregrina! Outra vez nos sae a vea millennial.

E, con permiso de San Sebastián, esta cidade é capital dunha provincia cunha patroa muller: a Virxe Peregrina. Patroa tamén do Camiño Portugués a Santiago.

Unha xefaza a nosa Peregrina, non esquezades iso durante os nove días que hoxe inauguramos: cada día de festa debédesllo a unha muller, na súa honra é esta celebración do verán pontevedrés!

Pero antes da festa imos ser augafestas, como boas feministas a ollos do patriarcado:

Porque neste balcón estamos moitas pero non estamos todas, nunca en ningunha festa estamos todas, faltan as 1.316 mulleres asasinadas desde 2003, ano no que comezaron a contabilizarse os crimes machistas nas estatísticas oficiais do Estado.

22 foron asasinadas no que vai de 2025: dos 22 asasinos, 17 eran parellas das vítimas e 5 eran exparellas ou estaban en fase de ruptura. En Pontevedra nunca estamos todas porque desde hai 15 anos falta Sonia Iglesias. Non te esquecemos, Sonia.

Nesta cidade sabemos ir de festa pero tamén sabemos chamarlles ás cousas polo seu nome: non é unha lacra, a violencia machista é o maior conflito aberto que temos como sociedade. Terrorismo contra a metade da poboación: as mulleres e os seus fillos e fillas.Seguiremos sendo perigosas ata vivir nunha sociedade libre de perigo para cada unha das mulleres que estamos aquí e en calquera lugar do mundo. Ata que cada día das Festas da Peregrina, sexa a hora que sexa, poidamos volver soas, tranquilas e seguras a casa. E que na nosa casa sigamos estando seguras.

Esas son as festas que soñamos!

Vémonos nos bares, nas prazas, nos concertos e nas verbenas! Gozade de todo que xa haberá tempo para descansar cando acabe o verán: das atraccións, da Batalla de Flores, da procesión, da danza de cintas, dos xogos populares, das partidas simultáneas de xadrez, da Festa do Demo e dos fogos de artificio.

Que vivan as Festas da Peregrina!

Que viva Pontevedra!

Compartir publicación: