A modificación de crédito permitirá rehabilitar os firmes de máis de 60 rúas e lugares do rural e os dous polígonos industriais 

O concelleiro de Economía e Facenda Raimundo González explicou esta mañá que a inxección dos 28,8 millóns de euros na economía local a través desta modificación é posible por existir “un goberno responsable ao longo do tempo que nos permite dar un gran saldo adiante na mellora da economía e dos espazos públicos”. 

O pleno da Corporación municipal debatirá o vindeiro luns, 23 de xaneiro a modificación de crédito de maior contía da historia do Concello. O concelleiro de Economía e Facenda, Raimundo Gónzalez indicou que “esta modificación é froito dun goberno responsable ao longo do tempo que nos permite abordar neste momento toda unha serie de investimentos e dar un gran salto adiante” na mellora da economía e dos espazos públicos.

Concretou que a modificación de crédito ten un importe de 28.854.023,59 euros e “é a máis grande que se ten feito no Concello en todos os tempos e vai significar un impulso sustancial na actividade económica e sociocultural do Concello”.

O edil afirmou que a modificación se divide en tres campos fundamentais: investimento, actividades (festivas, deportivas… feitas polo Concello ou por entidades colaboradoras) e amortización de débeda. O primeiro significan o 58% da modificación, é dicir, 16,7 millóns de euros; o segundo supoñen o 21,24% desta modificación, é dicir, algo máis de 6 millóns de euros. E a amortización de débeda son casi 6 millóns de euros, en concreto o 20,74% desta modificación.

Dentro dos investimentos atópase a rehabilitación estrutural de firmes “que non deixa de ser un plan integral para a renovación dunha gran parte dos firmes do concello, aqueles que están máis desgastados ou que polo seu uso e polo paso do tempo necesiten ser renovados”, afirmou o concelleiro de Economía. A esta actuación destínasense 5,5 millóns de euros e está dividida en catro zonas: centro onde se actúa en 20 rúas, os barrios con actuacións en 24 rúas, o rural con pavimentacións en 20 lugares de 10 parroquias, e os dous polígonos industriais: Campiño e Vao.

Na zona centro destacan actuacións como a reparación de todo beiramar (Bos Aires, Uruguai, Corvaceiras e parte do paseo a Marín), pero tamén a praza de Galicia e as rúas lindeiras, Cobián Roffignac, parte de Barcelos… Nos barrios está gran parte do barrio de Monte Porreiro e o da Parda e Pontevedra Leste, así como Estribela ou Ponte Muíños. Ao respecto do rural están previstas pavimentacións en Verducido, Santa María de Xeve, Santo André de Xeve, Lérez, Campañó, Bora, Mourente, Tomeza, Lourizán e Salcedo.

Ademais, dentro dos investimentos están cousas como os 3,3 millóns para a expropiación e proxecto de urbanización da UA-23 que está en Ernesto Caballero, a anualidade do Parque da Parda de 961.000 euros, xardíns e parques infantís de 735.000 euros, instalacións deportivas por 768.000 euros ou Pazo da Cultura por 543.000 euros. 

No apartado de actividades inclúense actividades culturais, de promoción económica, de benestar social, turismo, festas, e fondos para o campionato do Multisport de tríatlon por un millón de euros, pero tamén o convenio coa Fundación Rías do Sur.

Ao respecto da amortización de débeda, o concelleiro explicou que o Concello ten asinados oito préstamos -sete consolidados e un sen consolidar-: un co banco Sabadell, un con Abanca, tres con Caixa Rural, dous con Unicaja, e o que aínda non está consolidado que é co BBVA.

Raimundo González agradeceu ao Partido Socialista “as súas achegas, a súa actitude e a súa vontade de chegar a acordo” e lembrou que “esta modificación non sería posible se non tibéramos un concello saneado”.

Compartir publicación: