O balcón do primeiro andar de Michelena 30 sostén dende hoxe a faixa que foi colocada pola alcaldesa en funcións, Eva Vilaverde en compañía dos grupos municipais do BNG e do PSOE
O Concello de Pontevedra despregou esta mañá no balcón da primeira planta do edificio administrativo de Michelena, 30 unha faixa coa bandeira Palestina na que se pode ler “Pontevedra con Palestina”. O acto estivo presidido pola alcaldesa en funcións, Eva Vilaverde e polos representantes dos grupos municipais do BNG e do PSOE, aínda que estaba convidada toda a Corporación municipal, como é habitual neste tipo de accións municipais.
Eva Vilaverde explicou que “o Concello de Pontevedra nunca estivo calado e sempre se manifestou na defensa do pobo palestino ante uns ataques que xa veñen dende hai 80 anos, pero agora estamos diante dun auténtico xenocidio programado, planificado e exterminio étnico dun pobo”.
“O noso Concello de Pontevedra levanta, unha vez máis, a voz para tomar parte: de apoio, de solidariedade co pobo palestino e tamén de acusación contra un estado xenocida como é o Estado israelí. O que pedimos dende aquí é que, por favor, todas aquelas institucións, entidades públicas e privadas que teñan calquera tipo de influencia ou competencia para poder parar esta auténtica masacre, que o fagan, que tomen partido dunha vez por todas, que sexan proactivos e que actúen por responsabilidade e por humanidade”, insistiu a alcaldesa en funcións.
O portavoz do grupo municipal do PSOE, Iván Puentes, pediu que “as institucións democráticas e as institucións públicas dun país democrático como España tomen partido. A liberdade consiste en que todos os demócratas e as persoas que cremos na liberdade defendamos a democracia e os dereitos humanos por riba de todo. Ante a violación de dereitos humanos, ante o asasinato de nenos e nenas, ante o asasinato de xente civil inocente, ante a morte por inanición á que o Estado de Israel está a condenar a xente que vive fundamentalmente na franxa de Gaza, non se pode ser equidistante. Hai que mollarse, hai que actuar e, sobre todo, hai que tomar partido para que a comunidade internacional poda poñer fin a esta masacre”.