Abre o prazo para solicitar espazos de xantares e ceas, postos do mercado medieval e para a hostalaría na Feira Franca 2025 

A Concellaría de Festas abre o prazo dende mañá mesmo até o 16 de xullo. A Oficina da Feira Franca está instalada nas oficinas do Departamento de Cultura e Festas situadas no Teatro Principal, ás que se accede pola rúa Don Filiberto.

A temática desta edición será “As meigas”. 

Mentres se empezan a coñecer os primeiros nomes que amenizarán o verán pontevedrés dende xullo a setembro, a Concellaría de Festas que dirixe Demetrio Gómez, prepara unha nova edición da Feira Franca que este ano se celebrará a fin de semana do 5 e 6 de setembro. A temática á que se adicará esta edición é: “As meigas”.

Ademais, mañá mesmo abrirá a Oficina da Feira Franca para atender a todas as persoas que queiran inscribirse para participar activamente na festa ben sexa para solicitar posto de xantares e ceas, para montar no mercado medieval ou para a hostalaría do centro histórico.

O prazo de inscrición ábrese mañá, 16 de xuño e estará aberto até o 16 de xullo. Nesta ocasión a Oficina da Feira Franca trasládase ás oficinas municipais de Cultura do Teatro Principal ás que se poden acceder pola rúa Don Filiberto. A atención ao público será de 10 a 14 horas.

As solicitudes poden presentarse presencialmente na citada oficina, pero tamén de xeito telemático a través dos formularios habilitados na web. Para calquera dúbida tamén poden remitir un correo electrónico a feirafranca@pontevedra.gal

Compartir publicación: