O Concello aproba a adxudicación do contrato para a redaccióndo proxecto para a recuperación e restauración ecolóxica do Gafos

A futura obra permitirá destapar o río no seu tramo urbano, ao seu paso por Campolongo, e abrirá un novo capítulo no barrio e na cidade a través dun proxecto que contará cun orzamento de máis de 2 millóns de euros

O proxecto está cofinanciado ao 95% pola Unión Europea-NextGenerationEU no marco do Plan de Recuperación, Transformación y Resiliencia (PRTR),  e xestionados pola Fundación Biodiversidad do Ministerio para la Transición Ecológica y el Reto Demográfico (MITECO), para a renaturalización e resiliencia das cidades españolas. 

O alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, deu conta esta mañá da Xunta de Goberno Local celebrada a primeira hora. Dentro dos diversos asuntos tratados na orde do día, o rexedor quixo poñer o foco na aprobación da adxudicación do contrato de asistencia técnica para a redacción do anteproxecto e proxecto de execución da acción B1 do proxecto Rede Verde. Recuperación e restauración ecolóxica do tramo urbano soterrado do río Gafos e o seu entorno.

«Deuse un paso adiante de vital importancia, pois queda adxudicada a redacción do proxecto definitivo para a renaturalización do río Gafos ao seu paso por Campolongo», explicou. «Hai xa tempo que tomamos a decisión de levar a cabo este proxecto, de facer esta obra e para iso temos que ter un proxecto. Será redactado pola empresa Calco por 85.000 euros. A licitación saía a 105.000 euros polo que houbo certa baixa. Deberán entregar o proxecto nun prazo de cinco meses unha vez se presente toda a documentación necesaria».

O custe total do proxecto, é dicir, da obra de recuperación e restauración ecolóxica deste tramo urbano do Gafos, ascende a 2.249.719 euros e está cofinanciado ao 95% polas axudas para o fomento de actuacións dirixidas á renaturalización e resiliencia das cidades españolas, xestionadas pola Fundación Biodiversidad do Ministerio para la Transición Ecológica y el Reto Demográfico (MITECO), no marco do Plan de Recuperación, Transformación y Resiliencia do Goberno do Estado. Este Plan de recuperación está financiado pola Unión Europea – NextGenerationEU.

Compartir publicación: