Aprobado o convenio de novos fondos para a rehabilitación de vivendas no centro histórico e Estribela 

As axudas, que financiarán proxectos a executar nos anos 2023, 2024 e 2025; superarán os catro millóns de euros sumando as dúas zonas

O alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, deu conta esta mañá da aprobación do convenio de novos fondos para a rehabilitación de vivendas no centro histórico e en Estribela.

Son axudas á rehabilitación de edificios de uso residencial e vivendas, e para a rexeneración e renovación urbana en determinados barrios ou contornas urbanas, delimitado polo Entorno Residencial de Rehabilitación Programada (ERRP). Estas subvencións pertencen aos fondos NextGenerationEU da Unión Europea, que están sendo xestionadas pola Xunta de Galicia logo da distribución realizada entre as comunidades autónomas polo Ministerio de Transporte y Movilidad Sostenible no marco do Plan de Recuperación, Transformación y Resiliencia do Goberno do Estado.

O rexedor lembrou que xa son varios anos consecutivos nos que a veciñanza pode solicitar este tipo de subvencións, puidéndose executar, neste caso, ao longo dos anos 2023, 2024 e 2025, se ben «pensamos que podería durar até o 2026». 

«En principio contamos con estas tres anualidades, sendo os fondos de 3.594.166 euros para o centro histórico e de preto 500.000 para Estribela. Á súa vez, case 800.000 serían fondos públicos: 600.000 euros a través do Estado e 154.000 euros do Concello». O resto dos cartos recaerían nos achegados polos fondos Next Generation.

Compartir publicación: