O alcalde indica que «hoxe é un gran día para Pontevedra xa que queda validada a opción de non irlle ao peto á veciñanza» á hora de crear ZBE.
O Ministerio de Transportes y Movilidad Sostenible confirma unha axuda de 2.767.053,97 euros para os proxectos da reforma da rúa Santiña e a instalación de sensores e cámaras para o control ambiental da cidade, que estarán cofinanciados polos fondos NextGenerationEU da Unión Europea.
O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernánez Lores, compareceu esta mañá en rolda de prensa para informar da concesión de fondos Next Generation da Unión Europea a través das Zonas de Baixas Emisións para os dous proxectos polo Concello de Pontevedra.
«Hoxe é un gran día para Pontevedra, entre os cousas, e a máis importante, é que nos acaban de conceder os fondos europeos para os dous proxectos que presentamos para as Zonas de Baixas Emisións», indicou o alcalde. «E hai algo máis importante que isto, que é a confirmación de ver que a opción que escolleu Pontevedra para crear zonas de baixas emisións é correcta, é valida. Cando falamos da opción que colleu Pontevedra falamos da opción de non irlle ao peto. Non vai ser preciso nin cambiar de coche nin de pagar para entrar na cidade. Quedan despexadas as dúbidas que tiñan algúns, sobre se as zonas de baixas emisións de Pontevedra serían aceptadas. Aquí quedan validadas na medida que foron concedidas as subvencións para os proxectos presentados».
Dunha banda, estaría o proxecto de Santiña. Trátase dun proxecto cun orzamento total de 1.804.914 euros, dos que Europa achegaría 1.606.500 euros. Doutra banda, estaría o proxecto relacionado coa dixitalización e control da mobilidade, a través da instalación de cámaras, medidores de contaminación e de fluxos de tráfico «facilitando actuacións onde sexan precisas». Este proxecto ten un orzamento de 1.560.300,34 euros, dos cales serán subvencionados 1.160.553,97 euros. En total, Pontevedra recibirá 2.767.053,97 euros.
Ambos proxectos están cofinanciados polas axudas aos municipios para a implantación de zonas de baixas emisións e transformación dixital e sostíbel do transporte urbano, xestionadas polo Ministerio de Transportes y Movilidad Sostenible, no marco do Plan de Recuperación, Transformación y Resiliencia do Goberno do Estado. Este Plan de recuperación está financiado por fondos NextGenerationEU da Unión Europea.