O Concello pon en marcha un centro de operacións de seguridade para facer fronte a ciberataques

O proxecto está cofinanciado polos fondos NextGenerationEU da Unión Europea e xestionados polo Ministerio de Política Territorial y Memoria Democrática para a transformación dixital e modernización das administracións das entidades locais.

Amplía e mellora as capacidades de de cibervixilancia do Concello, a monitorización de seguridade, a detección temperá de incidentes, a análise de ameazas e vulnerabilidades, ao tempo que optimiza a capacidade de reacción, resposta e recuperación fronte a un posible ataque 

As administracións públicas son, desde hai tempo, vítimas de ciberataques que non só debilitan ou poñen en risco o seu funcionamento, senón que tamén acceden a datos persoais e sensibles de persoas, empresas ou entidades, abrindo as portas a posibles extorsións. Co fin de non ser unha vítima máis, o Concello de Pontevedra pon en marcha un Centro de operacións de ciberseguridade, ademais de elaborar un Plan de adecuación ao Esquema Nacional de Seguridade (ENS).

As dúas actuacións están cofinanciadas polas axudas á transformación dixital e modernización das administracións das entidades locais xestionadas polo Ministerio de Política Territorial y Memoria Democrática, no marco do Plan de Recuperación, Transformación y Resiliencia do Goberno do Estado. Este Plan de recuperación está financiado por fondos NextGenerationeEU da Unión Europea.

A empresa Ednon S.L. foi a adxudicataria do proxecto municipal cun orzamento de 39.825,24 euros. O orzamento de licitación era de 63.827,5 euros.

Coa entrada en funcionamento do centro de ciberseguridade, o Concello de Pontevedra é quen de controlar en tempo real, as 24 horas e os sete días da semana a seguridade informática dos servidores municipais. É dicir, amplía e mellora as súas capacidades de ciberseguridade e cibervixilancia, a monitorización de seguridade, a detección temperá de incidentes, a vixilancia e análise de ameazas e vulnerabilidades, ao tempo que optimiza a capacidade de reacción, resposta e recuperación fronte a un posible ataque.

Ao abeiro da actuación adquiriuse un abano de produtos acreditados polo CCN-CERT dirixidos a dotar ao servizo de vixilancia das ferramentas que permitiron implementar as barreiras de protección e monitorización da seguridade de todos os sistema de información municipais.

Polo que respecta ao plan de Adecuación e actualización ao Esquema nacional de seguridade procedeuse a definir e crear manuais, políticas, procesos, procedementos e instrucións para o cumprimento das normas implantadas e dar soporte ao actual ENS. 

A este proceso de actualización púxolle o ramo una dobre sesión informativa e de concienciación sobre a importancia da seguridade, dirixida a todos os funcionarios municipais do Concello de Pontevedra

Compartir publicación: