O alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, explicou que o temporal deixou danos diversos e importantes, como a caída de cen árbores só na contorna urbana de Pontevedra
O rexedor quixo transmitir unha mensaxe de agradecemento polo traballo «impresionante» realizado por todos os servizos municipais e as empresas que actuaron desde o primeiro minuto
Pontevedra segue a comprobar os estragos ocasionados pola última borrasca bautizada como Kirk. O alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, sinalou que esta tivo unha serie de consecuencias, no referido a danos, «importantes» en todo o municipio, especialmente en zonas axardinadas ou arboradas.
O rexedor puxo de manifesto o esforzo «impresionante» de todos os servizos municipais e das empresas que traballan co Concello de Pontevedra á hora de paliar e solucionar os incidentes que se foron rexistrando desde a chegada do temporal. «A Xunta de Goberno Local acordou esta mañá facerlles un agradecemento específico as empresas e servizos municipais implicados no operativo extraordinario posto en marcha nas últimas horas», explicou. «Quero agradecerlles o seu traballo aos corpos de Bombeiros, de Policía Local e Protección Civil; mais tamén aos servizos técnicos municipais e ás brigadas operativas. Tamén ás empresas concesionarias, expresamente a Elsamex, encargada do mantemento dos espazos urbanos e zonas verdes; e a E. C. Casas, polo mantemento do rural; a empresa PreZero e a SETGA».
Cómpre indicar que só no referido ás arbores da zona urbana e as súas zonas verdes, até cen delas se viron afectadas polo temporal, «sen contar as sendas do Lérez, do Gafos, os montes, ou vías rurais».
Fernández Lores explicou que o Concello aínda descoñece a totalidade das incidencias acontecidas durante a xornada da borrasca, polo que aínda se están a valorar os danos producidos pola mesma e así poder facer varios contratos de emerxencia para poder realizar todas as actuacións que sexan necesarias á hora de reconstruír elementos, retirar árbores e materiais, repoñer pavimentos, xardíns, etcétera.
2024-10-11 08:21:06 33 o-concello-estuda-os-danos-producidos-por-kirk-en-todoo-municipio-para-poner-en-marcha-os-contratos-de-emerxencia-necesarios-para-as-tarefas-de-retirada-reposicion-e-reconstrucion