O Memorial das vítimas da violencia machista suma dous novas placas polos feminicidios rexistrados na provincia neste 2026  

Fernández Lores: “Apostamos por visibilizar no espazo público ás mulleres asasinadas pola violencia machista. Non deben ser un número máis, senón persoas con nomes e apelidos”.

As novas placas lembran á veciña de Mos, María Belén Fernández, 52 anos, asasinada pola ex-parella o 1 de febreiro e María Lidia Conde Souto, 81 anos, Ponteareas, asasinada polo seu fillo o 13 de setembro. 

A instalación artística 25-N, situada diante da Audiencia Provincial de Pontevedra, en memoria das vítimas asasinadas pola violencia machista incorporou hoxe 2 novas placas conmemorativas, unha por cada feminicidio rexistrado na provincia no 2026. Son dúas novas pezas na honra de María Belén Fernández, 52 anos, Mos, asasinada pola ex-parella o 1 de febreiro e María Lidia Conde Souto, 81 anos, Ponteareas, asasinada polo seu fillo o 13 de setembro.

O alcalde Miguel Fernández Lores “descubriu” as dúas novas placas conmemorativas subliñando “a aposta do Concello de Pontevedra neste último mandato por visibilizar no espazo público ás mulleres asasinadas pola violencia machista”. “Non deben ser un número máis, senón persoas con nomes e apelidos”, engadiu. 

Ao seu carón estaban a concelleira de Igualdade, Anabel Gulías; o presidente da Audiencia Provincial, Jacinto José Pérez Benítez e a maxistrada especializada en Violencia de Xénero, Belén Rubido de la Torre, ademais dun amplo abano deconcelleiras-os dos tres grupos políticos con representación municipal (BNG, PSOE e PP).

Neste escenario, Pérez Benítez lembrou que en xuño de 2027 entrará en funcionamento o Xulgado exclusivo, sección exclusiva de VioGén, en Pontevedra, que se sumará aos dous existentes en Vigo. “Estamos traballando para tratar de loitar contra esta lacra, a violencia contra as mulleres, que esixe o compromiso de toda a sociedade”, sinalou para despois apuntar a necesidade de desenvolver “unha actividade intensa na educación das novas xeracións, unha das claves desta loita”.

Tamén o alcalde falou da necesaria implicación de todas e todos para combater as violencias machistas: “O conxunto da sociedade ten que ser consciente e tomar medidas para que estes feitos que son unha debacle, unha auténtica masacre social, non se volvan a repetir”.

Memoria, rexeitamento e xustiza. Son os valores que guían o memorial das vítimas asasinadas pola violencia machista e vicaria na provincia de Pontevedra desde que hai datos oficiais. No chan da praza hai agora 38 círculos conmemorativos: 36 negros, coas iniciais e idades das mulleres asasinadas -que van dos 25 aos 82 anos-  e 2 brancos, coas iniciais das dúas irmás vítimas da violencia vicaria, de 9 e 4 anos. 

O obra inclúe tamén un círculo máis grande cun texto explicativo que remata cunha mensaxe que interpela a todas e todos: Non mires cara a outro lado. SON ASASINATOS.

Un ano máis o Concello de Pontevedra puxo en marcha unha campaña de denuncia e concienciación contra a violencia exercida contra as mulleres polo feito de selo, que tingue de violeta todo o mes de novembre, nesta ocasión co lema Guía fácil para acabar coa violencia machista. Unha campaña que tira de retranca á hora de enumerar os “sinxelos pasos” a seguir, unhas directrices simples e básicas para que todos poidan entendelas. Os tres primeiros chanzos interpelan directamente aos homes-agresores: “NON mates mulleres, NON agredas mulleres, NON acoses mulleres. E o cuarto: NON permitas que ningún colega teu salte os pasos anteriores, interpélanos a todos e todas como sociedade, como colectivo.

Compartir publicación: