O Mercado Municipal de Pontevedra contará cunha gran vidreira artística deseñada por Miguel Anxo Prado para mellorar o illamento e crear unha atmosfera mariña 

A intervención nos lucernarios dos dous patios resolverá os problemas de estanqueidade e calor, especialmente para protexer produtos como o peixe
O proxecto combina unha cuberta exterior con protección solar e un segundo filtro artístico de vidro impreso con tinta cerámica vitrificada, cunha superficie aproximada de 10 por 20 metros
Prevese que o primeiro patio estea rematado en xaneiro e que o conxunto das obras conclúa no primeiro trimestre de 2027 

O Concello de Pontevedra presentou hoxe en rolda de prensa o proxecto de mellora e acondicionamento dos lucernarios do Mercado Municipal, unha actuación impulsada pola concellaría de Mercados para modernizar un edificio con case 30 anos de antigüidade. Na presentación participaron o alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores; a arquitecta municipal responsable do deseño, Rosa Magdalena Fernández; e o debuxante e artista Miguel Anxo Prado, autor da intervención artística.

O alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, explicou que a obra responde á necesidade de solucionar as dificultades de estanqueidade do mercado e evitar a entrada de temperatura a través dos lucernarios, un factor que afectaba especialmente aos produtos frescos como o peixe. Ademais de atender as demandas das persoas que traballan no recinto e mellorar o seu funcionamento, o rexedor destacou a vontade municipal de engadir valor artístico á infraestrutura mediante unha vidreira que protexa das inclemencias do tempo e ille o interior.

O rexedor puxo en valor a traxectoria e o prestixio internacional de Miguel Anxo Prado, subliñando que o obxectivo do Concello é que tanto as instalacións municipais como a súa decoración artística sexan unha referencia de futuro para Pontevedra.

A arquitecta municipal, Rosa Magdalena Fernández, detallou que o proxecto naceu da urxencia funcional de protexer do sol os postos durante o verán. Para conseguilo, deseñouse un sistema de dobre capa nos lucernarios dos dous patios do mercado:

Capa exterior: Substitúe o vidro laminado sinxelo actual por un vidro con cámara e protección solar, encargado fundamentalmente de frear a radiación solar.

Segundo filtro interior: Consiste nunha gran vidreira suspendida da estrutura en toda a superficie de ambos os patios. Os paneis colócanse en forma de dameiro a diferentes cotas e lixeiramente desprazados entre si, o que permite manter a ventilación natural a través dos lucernarios nunha estrutura fixa.

Para a execución descartouse a vidreira tradicional con chumbo polo seu custo prohibitivo e optouse pola impresión cerámica sobre vidro, unha técnica na que a tinta cerámica se fixa ao cristal nun forno mediante vitrificación, garantindo a súa durabilidade permanente.

Pola súa banda, Miguel Anxo Prado recoñeceu que aceptou o encargo sen dubidalo ante o reto de traballar nun espazo de dimensións tan amplas, dunhas medidas aproximadas de 10 por 20 metros, o que supón a maior ampliación realizada ata agora dunha obra súa. Aínda que as propostas iniciais eran máis figurativas, o artista e a arquitecta acordaron evolucionar cara a unha solución máis abstracta e ambiental para evitar que a estrutura metálica condicionase o debuxo e para prolongar a vixencia estética da peza no tempo.

Reivindicando o peso da Galicia litoral, Prado explicou que a intención da obra é xogar coa luz para ofrecer unha sensación inmersiva, de xeito que quen visite o mercado sinta que está no fondo do mar. A imaxe definitiva dividirase nun crebacabezas duns 512 paneis entre os dous patios. Tras realizar diversas probas de cor coa empresa encargada dos vitrificados para axustar a transparencia e a saturación de tons como amarelos, laranxas e azuis, a impresión comezará de xeito inminente.

Actualmente estase a executar a intervención nun dos patios —o que permanece pechado—, coa previsión de que poida estar rematado durante o mes de xaneiro. A finalización completa das obras nos dous patios está prevista para o primeiro trimestre do ano 2027.

Miguel Anxo Fernández Lores, Anabel Gulías, Magdalena Portela e Miguel Anxo Prado.

Compartir publicación: