O Concello ultima o proxecto do novo colector de pluviais de José Malvar, cun investimento aproximado de 2 millóns para paliar as inundacións en Fernando Olmedo 

A infraestrutura, de 500 metros de lonxitude e diámetros que acadan os 1.800 milímetros na súa saída á ría, recollerá as augas pluviais de varias zonas da contorna para evitar que sobrecarguen o río Valdecorvos

O alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, destaca o esforzo económico e de xestión do goberno local e insta á Xunta a axilizar as obras da súa competencia para dar unha solución integral á veciñanza.

Esta actuación está cofinanciada pola Unión Europea a través do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) cunha achega do 60% do seu custe. 

O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, deu a coñecer os detalles do novo colector de augas pluviais da rúa José Malvar, un proxecto estratéxico que o goberno municipal ten practicamente rematado e que suporá un investimento aproximado de 2 millóns de euros, IVE incluído.

A actuación enmárcase na división de fases acordada coa Xunta de Galicia para atallar o problema histórico de inundacións na contorna de Valdecorvos e da rúa Pai Fernando Olmedo —situada por debaixo da cota de marea alta—, unha problemática orixinada hai anos polo recheo da xunqueira situada nesta zona e agravada polo cambio climático e a falta de mantemento das infraestruturas hidráulicas.

Segundo explicou o rexedor, o obxectivo principal deste colector municipal é interceptar a gran maioría das augas pluviais canalizadas —procedentes da vía do tren, da urbanización de Valdecorvos, da zona de Loureiro Crespo e do propio colector de José Malvar— para conducilas directamente á ría sen pasar polo río Valdecorvos, reducindo así de xeito drástico o seu caudal.

As características técnicas do proxecto reflicten a súa envergadura:

  • Trazado e lonxitude: O colector terá uns 500 metros de lonxitude, partindo da ponte que une José Malvar co polígono de Valdecorvos e discorrendo pola calzada
  • Triplicación da capacidade: Arrancará cunha tubaxe de 1.200 milímetros (1,2 metros) de diámetro, o que supón máis que triplicar a capacidade actual. Ao longo do percorrido contará con 24 pozos de rexistro para tarefas de control e mantemento.
  • Grandes arquetas e paso baixo a galería de ENCE: O proxecto inclúe tres arquetas de grandes dimensións. A principal, duns 4x4x3 metros (preto de 50 m³), foi deseñada especificamente para salvar sen danos a galería de subministración de ENCE (dun metro), conectando o tubo de 1.200 mm cun colector de 1.600 milímetros que pasa por debaixo da dita galería. Na arqueta final, próxima á ría, o diámetro ampliarase ata os 1.800 milímetros para compensar a menor pendente e garantir unha evacuación óptima.

Dada a presenza de numerosos servizos municipais no subsolo e o elevado volume de tráfico da zona, o alcalde subliñou que se trata dunha obra complexa, polo que o Concello planificará os traballos tentando manter polo menos un carril de circulación aberto durante a súa execución.

Prazos de tramitación e chamada á Xunta de Galicia

O proxecto técnico estará finalizado nun prazo estimado de 15 días a un mes, á falta de últimos axustes menores nas arquetas. A continuación, remitirase ás administracións sectoriais competentes para obter as correspondentes autorizacións antes de proceder á súa adxudicación. Aínda que os tempos de licitación dependen da resposta destes organismos, a previsión municipal é que as obras poidan estar en marcha ao longo do ano 2027.

Durante a súa intervención, Fernández Lores amosou a súa total comprensión co malestar da veciñanza que sofre anegacións periódicas e recalcou que o actual goberno municipal está a facer un importante esforzo para corrixir unha situación herdada de hai décadas.

Malia que o novo colector podería resolver parte da gravidade do problema, o alcalde lembrou que a solución definitiva require que a Xunta de Galicia exerza as súas competencias no mantemento dos cauces fluviais e execute coa máxima axilidade as actuacións ás que se comprometeu.

Fondos EDIL

Esta actuación está cofinanciada pola Unión Europea a través do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER), integrado no Programa Plurirexional de España (POPE) para o período 2021-2027. Trátase de axudas enmarcadas na Estratexia de Desenvolvemento Integrado Local (EDIL).

A axuda europea destínase a facer realidade o Plan de Actuación Integrado (PAI) “RAIL Pontevedra” (Reconexión, Accesibilidade Integral e Mellora Ambiental de Pontevedra Leste). Este Plan conta cun orzamento cofinanciado de 14.550.506 euros, dos cales o 60% corresponde á axuda europea FEDER (8.730.304 euros) e o 40% restante son achegados polo Concello de Pontevedra (5.820.202 euros). 

Ademais, o Concello de Pontevedra asume o compromiso de achegar o resto de fondos propios para garantir que o investimento total acade a ambiciosa cifra orixinal de 20.000.000 euros en catro proxectos clave: a dotación deportiva e de espazos públicos en “Monte porreiro Revive”; a xestión de inundacións en “Adapta e conecta A Seca – Valdecorvos”; o parque de “A Parda verde”; e a modernización de e-servizos con “Pontevedra SmartCity”.

Compartir publicación: