O alcalde Miguel Anxo Fernández Lores comproba nunha visita técnica o avance das obras, que a vindeira semana iniciarán a colocación da pedra de perpiaño nas marxes e a renovación do parque infantil con pavimento ecolóxico de cuarzo
O Concello de Pontevedra avanza a bo ritmo nas históricas obras de destape e restauración ambiental do río Gafos ao seu paso polo barrio de Campolongo. Durante unha visita técnica de inspección ás obras, o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, acompañado dos concelleiros Eva Vilaverde e César Mosquera, amosou a súa satisfacción polo ritmo e desenvolvemento dos traballos.
Durante o percorrido polas obras, Lores comprobou a aplicación duna solución técnica innovadora: o uso do antigo colector de augas residuais como canle provisional para canalizar o río e poder traballar con seguridade no interior do caixón de formigón. Do mesmo xeito, confirmou que a nova rede de colectores de residuais atópase xa conectada en ambas marxes, eliminando por completo os posibles vertidos contaminantes á canle fluvial.
Entre os vindeiros pasos inmediatos, a dirección de obra iniciará a vindeira semana a colocación da pedra de perpiaño en ambas marxes para garantir a estabilidade dos noiros tras a demolición do muro lateral da marxe esquerda do antigo caixón de formigón. Posteriormente, retirarase a soleira inferior de 30 centímetros de formigón, o que suporá a retirada total de entre 6.000 e 7.000 metros cúbicos de formigón.
Baixo un criterio de “Quilómetro 0” e economía circular, todo este material demolido tríturase in situ e reutilízase como base estrutural dos novos sendeiros peonís e recheo das estruturas. Sobre a renaturalización biolóxica do leito, o alcalde explicou que “debaixo desa lousa están todos os sedimentos do río acumulados ao longo dos anos. Vaise mesturar ese sedimento con grava e pedras máis grandes para permitir que apareza vida nesa zona e se fagan esas pequenas pozas onde os peixes desoven”, e permitir o retorno da fauna fluvial.
Outra das novidades salientadas durante a visita é a reordenación do parque infantil para nenos maiores, que se traslada máis preto da contorna do complexo deportivo de Campolongo para lonxalo da zona de traballos. Nesa nova localización, retirarase a antiga herba sintética e substituirase por un pavimento de garbanciño de cuarzo branco moído, respondendo ás recomendacións sanitarias para evitar os axentes nocivos asociados aos pisos de caucho. A previsión municipal é realizar unha recepción parcial do parque entre finais deste mes e principios do que vén para reabrilo con seguridade.
Datos do proxecto
A renaturalización do río do Gafos ao paso por Campolongo supón a recuperación integral dunha superficie de 21.929,47 metros cadrados e 486,40 metros lineais de río entre a rúa Xeneral Rubín e Alcalde Hevia.
A obra foi adxudicada á UTE COVSA e E.C. Casas por 4.191.406,25 euros.
Ademais de toda a actuación hidráulica, duplicaranse as árbores actuais con case 100 novos exemplares de folla caduca e 290 salgueiros. Instalaranse catro pasarelas peonís (incluíndo unha gran plataforma de 132 m² fronte aos colexios) e suavizarase a traza fluvial na contorna do hórreo para previr inundacións.