O ciclo botará a andar o xoves 12 de novembro no Centro Social Casa Verde de Salcedo para achegar a programación ás parroquias. As xornadas do venres 13 e sábado 14 terán lugar no Centro Inernacional de Creatividade Maruxa Mallo.
A programación contará con figuras destacadas como o folclorista andaluz Javier Prado, o arquitecto Mauro Lomba, a realizadora Yosune Duo, o historiador Buenaventura Aparicio e a artista Nuria Ferreiro.
A Sociedade Antropolóxica Galega fai un chamado aberto á participación de toda a cidadanía nas xornadas, que serán de entrada libre e gratuíta ata completar a capacidade.
O edil de Cultura, DemetrIo Gómez presentou esta mañá acompañado de Rafa Quntía e Pili Silva de SAGA, a IX Xornada de Antropoloxía que levarán por título ‘A cultura expresiva: as artes na transmisión cultural’ e terán lugar do 12 ao 14 de novembro en Pontevedra. O ciclo afondará no papel fundamental que teñen as distintas disciplinas artísticas como vehículos de transmisión da memoria colectiva e do patrimonio antropolóxico.
Como novidade destacada desta edición, as xornadas inclúen unha deslocalización inicial na súa primeira xornada: arrancarán o xoves 12 de novembro no Centro Social Casa Verde de Salcedo, co obxectivo de descentralizar a programación cultural e achegala ás parroquias do municipio. As sesións do venres 13 e do sábado 14 terán lugar na sede habitual do Centro Internacional de Creatividade Maruxa Mallo de Pontevedra.
Demetrio Gómez apuntou a importancia do traballo da SAGA e de desde a organización escolleran Pontevedra para a súa celebración ao longo dos anos xa que “a antropoloxía axúdanos a comprendernos mellor como seres humanos, a coñecer por que somos diferentes doutras culturas ou incluso en que nos parecemos a culturas que ás veces pensamos que están moi lonxe e non o están tanto”, sinalou o edil.
Rafa Quintía quixo agradecer o respaldo ao Concello “tanto na parte económica como de infraestruturas para a divulgación da cultura do noso país. Levamos 9 anos con estas xornadas pero os dous anteriores fixemos unha xornadas etnográficas, centradas na música tracional galega e coas Xornadas do Entroido levamos xa 15 anos”.
Sobre a programación, Quintía apuntou que “ada ano dedicamos as xornadas a un tema concreto. Este ano escollamos a cultura expresiva, un termo que empregamos en antropoloxía para referirnos ás formas nas que a cultura se transmite a través das diferentes artes”. Quintía remarcou ademais a relevancia de abordar esta temática nunha cidade como Pontevedra, referencia no ámbito da creación artística coa Facultade de Belas Artes e múltiples iniciativas culturais.
A estrutura das xornadas dos días 13 e 14 no Centro Internacional de Creatividade Maruxa Mallo será similar a de anteriores edicións, cunha presentación dunha publicación relacionada coa temática, dúas conferencias e unha mesa redonda de peche, pero este ano como novidade, quixemos iniciar as xornadas o xoves e facelo na Casa Verde de Salcedo, para deslocalizalas e achegar a iniciativa tamén ás parroquias”.
Entre os relatores e relatoras, o representante da SAGA quixo destacar a presencia de investigadores procedentes de fóra de Galicia, citando de xeito especial ao folclorista e escritor andaluz Javier Prado. Quintía lembrou que esta colaboración conecta cunha importante tradición histórica: “A primeira sociedade etnográfica de Galicia fundouse a finais do século XIX en colaboración cos irmáns Machado en Andalucía. Traer poñentes de fóra permite manter eses nexos e enriquecer o estudo antropolóxico”.
Pola súa banda, Pili Silva, fixo fincapé no carácter divulgativo e inclusivo do evento, dirixido non só a especialistas senón ao conxunto da sociedade: “Son unhas xornadas abertas a toda a poboación que estea interesada ou que teña curiosidade. Agardamos esa participación cos brazos abertos”.
Programa completo das IX Xornadas sobre Antropoloxía
Xoves 12 de novembro – Centro Social Casa Verde de Salcedo
- 19:30 h. Conferencia do historiador Buenaventura Aparicio Casado: “As illas dos deuses: castros, salga, anacoretas, piratas e poboadores en Cíes, Ons e Sálvora”.
Venres 13 de novembro – Centro Internacional de Creatividade Maruxa Mallo (Pontevedra)
- 18:00 h. Apertura oficial das xornadas.
- 18:10 h. Presentación do anuario “Fol de Veleno. Anuario de Antropoloxía e Historia de Galiza” nº 13-2026, a cargo de Rafael Quintía e Ana Durán.
- 18:30 h. Conferencia do arquitecto Mauro Lomba: “O escenario das nosas vidas. Como as paisaxes, fogares, prazas e rúas escriben a nosa historia”.
- 19:30 h. Conferencia de Yosune Duo Suárez (graduada en Belas Artes e técnica audiovisual): “A pantalla como espello: a transmisión cultural a través do cine e doutros medios audiovisuais”.
- 20:30 h. Mesa redonda e debate cos poñentes da xornada.
Sábado 14 de novembro – Centro Internacional de Creatividade Maruxa Mallo (Pontevedra)
- 18:00 h. Apertura da segunda sesión.
- 18:10 h. Presentación do proxecto artístico “Resonancias máxico-empíricas”, a cargo da artista Nuria Ferreiro (Nia).
- 18:30 h. Conferencia do antropólogo Rafael Quintía: “A arte rupestre no Tassili N’Ajjer: lembranza dun mundo esquecido”.
- 19:30 h. Conferencia do folclorista e escritor Javier Prado: “Quando la literatura se convierte en mito: leyendas de nuevo cuño”.
- 20:30 h. Mesa redonda e debate cos poñentes da xornada.
- 21:00 h. Clausura oficial das IX Xornadas sobre Antropoloxía.

