O edil de Urbanismo, Alberto Oubiña, destaca o atractivo económico da cidade como cabeceira de comarca ante a chegada de novos operadores e o reinvestimento das firmas asentadas
O Concello de Pontevedra, a través do edil de Urbanismo, Alberto Oubiña, puxo en valor o notable dinamismo que vive a cidade no ámbito da distribución alimentaria. Na roda de prensa posterior á Comisión de Urbanismo e Ordenación do territorio, o edil sinalou que a apertura, ampliación e modernización de establecementos comerciais constitúe un dos indicadores máis claros do bo funcionamento e atractivo económico dunha cidade.
O responsable municipal informou de que actualmente existen seis proxectos de novas aperturas en distintas fases de tramitación urbanística, que abranguen desde o comercio de proximidade ata grandes superficies:
- Supermercados Día: dous novos establecementos, un situado na rúa García Camba e outro en Río das Leitugas.
- PrimaPrix: un establecemento na rúa García Camba.
- Carrefour Express: dúas tendas, unha na rúa de Colón e outra na rúa Losada Diéguez.
- Eroski: nova apertura localizada no polígono do Bao.
Xunto á chegada de novos operadores, o edil destacou a aposta das empresas que xa operan na cidade por continuar investindo nas súas instalacións:
- Froiz (rúa da Estrada): atópase en tramitación a ampliación do local en arredor de 300 metros cadrados, ocupando o espazo dun antigo restaurante contiguo.
- Mercadona (zona de Pasarón): executará unha reforma interior integral para adaptar o establecemento ao seu novo modelo de tenda, sen modificación da superficie actual.
Respecto doutros proxectos precedentes, como a consulta sobre a nave de Correos na avenida de Lugo para Mercadona, o edil aclarou que a operación quedou no aire debido á complexidade das negociacións entre varias partes, polo que a firma podería estar avaliando outras localizacións.
Oubiña subliñou que a convivencia destas dúas dinámicas —novas aperturas e ampliacións— demostra a alta confianza das empresas no mercado pontevedrés. A área de influencia comercial da cidade transcende a poboación residente, consolidándose como cabeceira de servizos e actividade económica para toda a contorna.
Así mesmo, lembrou que a decisión de abrir ou ampliar un supermercado responde a minuciosos estudos de viabilidade económica, localización e competencia por parte das empresas, o que confirma o potencial de Pontevedra para a xeración de emprego, dinamización económica e ampliación da oferta comercial. O edil avanzou ademais que existen máis contactos e consultas técnicas cos servizos municipais que auguran novos movementos e investimentos no futuro.