Mozos e mozas entre 15 e 35 anos poden formalizar xa as inscricións a través de apuntate.pontevedra.gal para participar en ‘A rebeldía dos estereotipos’ con Sandra Gade, ‘Escritura expresiva’ de Marisé Barreiro, asistir a ‘O círculo’ xestionado por Vicky Estévez ou aos primeiros obradoiros de autocoidado e ikigay,de Rita de la Iglesia.
Os obradoiros aromateriapia e mandalas, ‘Zentangle’ da man da Elisabet Hillerud, ‘Autodefensa físico-emocional e empoderamento’ coa Sensei Jatsume (método Sakura) e Arteterapia con Reina D´Hoore abrirán o prazo de inscrición o 10 de xaneiro de 2027 na mesma plataforma.
Salvo un dos sete obradoiros, todas as actividades son mixtas e fan un chamado á participación masculina para “avanzar cara a unha sociedade baseada na colaboración e no respecto mutuo”.
A imaxe da campaña, obra da artista Maritza Bertolini, é un cartaz bordado a man que reivindica os procesos pausados, colaborativos e respectuosos e o valor do artesanal fronte a IA.
O edil de Xuventude DemetrIo Gómez presentou esta mañá unha nova edición da Escola Feminista da Mocidade acompañado das sete facilitadoras das actividades que terán lugar entre novembro 2026 e maio 2027 e a responsable da campaña, Maritza Bertolini que deseñou un cartaz bordado a man con máis de 80 metros de fío.
Gómez, afirmou poner en marcha unha edición máis deste proxecto “con perspectiva feminista, para crear comunidade, aprender a coñecernos e atopar unha rede onde compartir e sermos mellores persoas” e fixo especial fincapé en que, agás o obradoiro de arteterapia, seis das sete actividades da escola son mixtas: “as actividades son mixtas porque probablemente nos fagan moita máis falla aos homes que ás mulleres. Nós moitas veces temos que aprender cal é o xeito en que podemos mellorar para que, tanto as nosas compañeiras como nós, sexamos mellores e consigamos unha sociedade baseada máis na colaboración, na participación e no respecto a todas as persoas”
A imaxe gráfica á de novo obra da artista e bordadora Maritza Bertolini, quen xa deseñara o cartaz da pasada edición. Bertolini apuntou que “o cartaz está elaborado integramente a man mediante técnicas de bordado libre, botánico e tridimensional. O deseño mantén a continuidade visual coa edición anterior, empregando a figura dunha casa que representa ese espazo físico que nos acolle a todas, onde se crea comunidade e se desenvolven saberes. Da súa base nacen raíces das que medran plantas e flores, simbolizando que a base que sustenta a escola e as persoas que se nutren dela son as que lle dan vida.
A artista aproveitou a súa intervención para poñer en valor o artesanal “nunha época dominada pola intelixencia artificial e a présa. Facer un cartaz totalmente a man é unha forma de darlle a importancia e o respecto que merece este proxecto, que vai moi da man dos valores de coidado”.
Nas diferentes intervencións das persoas que impartirán os obradoiros, cabe destacar a importancia que ten a arte en calquera das súas formas (teatro, danza, escritura, debuxo, expresión corporal) como canle de expresión e autocoñecemento, como ferramenta de desenvolvemento persoal, de transformación e liberación. Tamén o autocoidado, o fortalecemento da autoestima a través da reconexión co propio corpo, a autodefensa, etc.
Cabe destacar tamén entre a programación a existencia dun espazo seguro, de creación da comunidade e escoita activa denominado ‘O Círculo’ que permanece activo entre novembro e maio do que é responsable a promotora de igualdade de ATIXEGA Vicky Estévez quen apunta que o que mellor representa e define esta iniciativa “é como cando vas a casa dunha amiga porque precisas falar e ela agarda cun café ou un té e un biscoito. Un lugar seguro onde imos crear unha pequena familia e ao que convido a vir a todas as persoas que se sinten soas neste tempos nos que non é doado establecer conexión”.
