O alcalde visita o cemiterio de San Amaro no Día de Todos os Santos tras a conclusión das melloras nos camposantos municipais 

Miguel Anxo Fernández Lores e Anabel Gulías comprobaron hoxe o resultado das actuacións no recinto e saudaron aos traballadores municipais, destacando o labor da brigada de cemiterios e de electricidade e obras. 

O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, e a concelleira de Cemiterios, Anabel Gulías, visitaron hoxe, o cemiterio de San Amaro co obxectivo de comprobar as melloras executadas no recinto e saudar persoalmente aos traballadores municipais que desenvolveron as tarefas de preparación. 

Coincidindo co Día de Todos os Santos, a visita serviu para supervisar a posta a punto dos camposantos municipais. Ademais o alcalde agradeceu o bo facer da brigada de cemiterios e a colaboración das brigadas municipais de electricidade e obras, destacando que o mantemento destes espazos se realiza día a día ao longo do ano pero se intensifica de cara a esta data para garantir condicións óptimas de uso e visita. 

De xeito xeral, en todos os camposantos do municipio executáronse os seguintes traballos:

  • Xardinaría: Traballos de mantemento en sebes, buxos e poda menor. Plantáronse case 2.000 flores (cyclamen, crisantemos e rosais), un labor levado a cabo pola Fundación para a discapacidade e emprego Juan XXIII.
  • Limpeza: Labores de limpeza xeral, retirando lápidas dos últimos enterros e demais elementos.
  • Pavimento: Debido á alerta pola escasez de auga, limpouse e cepillouse o pavimento para adecentar o seu aspecto garantindo o aforro hídrico.
  • Iluminación: A Brigada de electricidade municipal realizou a revisión e arranxo das luces en todos os cemiterios.

No cemiterio de San Amaro realizáronse os seguintes traballos:

  • Limpeza das cubertas dos nichos da zona nova e inicio dos traballos de arranxo de fisuras e grechas (actuación demandada polos usuarios).
  • Limpeza das cubertas dos nichos situados entre as zonas novas e vellas, afectadas pola caída de follas das árbores.
  • Pintado do pavimento dos nichos da zona nova, traballo encargado a unha empresa externa e moi demandado polos concesionarios.
  • Pintado da porta de entrada á zona da capela e á área do cemiterio civil.
  • Pintado das varandas das escaleiras do cemiterio.
  • Arranxo con area e grava do chan das rúas da zona vella nas áreas onde se empoza habitualmente a auga de chuvia.
  • Colocación das indicacións das rúas nos soportes de sinalética da zona vella instalados este ano, e instalación de planos grandes do cemiterio nos monolitos das entradas vella e nova.
  • Subministración e instalación de 1 novo banco en substitución dos antigos de pedra.

No cemiterio de Lourizán

  • Remate das obras de adecentamento do cemiterio co pintado dos farois e do muro da zona nova que quedara pendente.
  • Instalación de 2 novos bancos substituíndo os vellos de pedra.

No cemiterio de Campañó

  • Arranxo das luces avariadas e instalación dun novo punto de luz na zona nova por parte da Brigada de Electricidade (atendendo ás solicitudes dos usuarios).

No cemiterio de Ponte Sampaio

  • A Brigada de Obras completou o picado e a instalación dunha rampla para salvar un pequeno desnivel na zona nova.
  • Modificación do desaugadoiro desa mesma área para solucionar os empozamentos de auga atendendo á demanda da veciñanza.

Durante a visita, o alcalde Miguel Anxo Fernández Lores quixo recoñecer expresamente o labor, a sensibilidade e o profundo respecto cos que traballan a diario os traballadores da brigada de cemiterios. O rexedor subliñou que a delicadeza no coidado duns espazos tan sensibles como os camposantos —onde a cidadanía lembra e honra aos seus seres queridos— é unha premisa permanente do equipo ao longo de todo o ano. Trátase dun traballo constante de mantemento que se intensifica nestas datas e que conta, ademais, coa colaboración fundamental das brigadas de Electricidade e Obras para garantir que todos os cemiterios municipais estean nas mellores condicións de acollida e visita nun día tan sinalado.

Compartir publicación: