A Noite dos Calacús 2026 sumará unha denuncia contra a violencia machista e traslada a súa programación do Mercado á Casa da Luz, soportais da Ferraría e rúa San Román.

O evento principal terá lugar na xornada do día 31 de outubro cunha morea de obradoiros para público infantil e familiar e a xa tradicional Procesión das ánimas coa participación de Adarve e Teatro con Lingua.

A partir do luns 26 ás 17.00 h poderán formalizarse as inscricións para as actividades que precisen dela a través do correo-e: anoitedoscalacus@gmail.com

Na tarde do día 31 diversos locais da hostalaría do casco histórico sumaranse á iniciativa con ambientación especial e DJs. A música cesará durante a Procesión das ánimas e retomará actividade ata case medianoite.

Como actividades previas sen necesidade de inscrición, terá lugar esta mesma tarde, ás 17.00h, unha visita guiada ao cemiterio de Santo Amaro destinada a público infantil e familiar e o domingo 25 ás 18.00h para público adulto.

Do 26 de outubro ao 1 de novembro, un total de 10 panadarías (24 despachos) da cidade recuperarán a tradición do Pan de ánimas poñendo a venda diferentes versións, doces e salgadas, da receita.

O edil de Cultura e Festas presentou esta mañá unha nova edición de ‘A Noite dos Calacús’ acompañado das ánimas do purgatorio que protagonizarán a procesión da xornada do venres 31 de outubro e unha ampla representación das panadarías da cidade, un total de dez, que participarán nesta edición coa súa receita do pan de ánimas.

Antes de afondar na programación,  o edil apuntou que “tal coma fixemos na pasada edición, que aproveitamos a Noite dos calacús para facer unha denuncia e poñer o foco nas mortes provocadas polos incendios, este ano o foco vaise por nas mortas por violencia machista. Empezamos o mes de novembro, o mes no que celebramos o 25N e pareceunos moi acaído. Facemos unha homenaxe a todas as mulleres que padeceron e están a padecer violencia machista.”

A celebración da edición 2026 de ‘A noite dos calacús’ virá con algunhas novidades como o cambio de situación, xa que mudará de O Mercado á Casa da Luz, soportais da Ferraría e rúa San Román, na que “imos ter unha decoración moi chula grazas á colaboración dos comerciantes/as desa rúa sempre implicados”.

Sobre as actividades previas, esta mesma tarde ás 17.00h e sen necesidade de inscrición previa terá lugar unha visita guiada ao cemiterio de Santo Amaro, dirixida a público infantil e familiar. O domingo 25 ás 18.00 terá lugar a mesma proposta dirixida a público adulto.

E dentro das propostas paralelas, diversas panadarías da cidade elaborarán as súas receitas do pan de ánimas para despachar entre o 26 de outubro e o 1 de novembro. Serán Acuña, Amásame Bakery Lab, A Devesa, Xeve, Panadaría Conchi, Confitería Solla, Millo Obrador, Entremigas, Anxemí e Pontepan.

O edil de Cultura, amais da agradecer a importante e numerosa implicación das panadarías, que medra cada ano,  subliñou o “triunfo extraordinario do comercio local de Pontevedra” ao non deixar espazo ás grandes franquías e multinacionais: “noutras cidades hai numerosas franquías de pan e pastelaría. En Pontevedra non, porque os nosos panadeiros e panadeiras, son tan boas que non deixan oco para elas”.

Pola súa banda, Daniel Pampín de Amásame Bakery, que tomou a palabra en representación das panaderías implicadas apuntou que “vivimos nun momento no que estamos perdendo moitísima parte da nosa gastronomía propia pola ‘gastrificación‘, onde a oferta é case a mesma en todos os sitios: as mesmas cheesecakes e as mesmas cookies. Ver que recuperamos isto e que cada panadería lle dá o seu punto de carácter é moi importante para nós. Quero agradecer ao Concello o seu impulso institucional xa que isto comezou hai un par de anos case como algo anecdótico e este ano xa nolo estaban reclamando os propios clientes”.

Pampin apuntou tamén que non hai unha receita única e cada panadaría elabora a súa versión propia polo que haberá tantas variedades como panadarías implicadas. “No noso caso empregamos na elaboración cabaza cocida no forno e aproveitamos para facer unha masa tipo brioche, sen exceso de graxa ou manteiga, xogando con produto de tempada como castaña ou cabaza”.

Sobre a programación do día 31, o edil recomendou consultar o programa polo importante número de actividades que terán lugar esa xornada e a necesidade de inscrición para algunhas delas, que abrirá o vindeiro luns 26 ás 17.00 h no correo-e: anoitedoscalacus@gmail.com

“Esa tarde na Casa da Luz e Ferraría haberá obradoiros de colares de zonchos, cociña de defuntos, maquillaxes especiais e disfraces para a procesión. Convido a todo o mundo a participar das actividades e vir disfrazados de ánimas. Vai ser unha tarde/noite ben divertida e amais negociamos coas ánimas para poder participar como Santa Compaña e logo poder marchar para casa sen problema. Como a procesión, que vai contar con animación da man de Adarve e Teatro con Lingua vai discorrer polo casco histórico, durante a tarde, diversos locais de hostalaría das prazas da Verdura, Méndez Núñez, Teucro, Campiño de Santa María contarán con ambientación musical de DJs e decoración. A música vai parar para a procesión, por respecto as ánimas que desfilan cos seus ritmos, pero retomará ata case medianoite. Agardamos que gocedes da festa e vos animedes a participar dela e tamén a probar o pan”.

Compartir publicación: