A actuación, adxudicada á empresa Construcciones y Proyectos Abilleira S.L., ten un prazo de execución de dous meses e medio e permitirá modernizar máis de 1,5 quilómetros de conducións e 32 acometidas veciñais na parroquia de Lérez.
O Concello de Pontevedra adxudicou esta mañá na Xunta de Goberno Local as obras de mellora e renovación integral da rede de distribución de auga potable no lugar de Casaldarado, na parroquia de Lérez, á empresa Construcciones y Proyectos Abilleira S.L. por un importe de 288.101,00 euros. A intervención, que contaba cun orzamento inicial de licitación de 369.360,61 euros, terá un prazo de execución de dous meses e medio.
O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, explicou que se trata dunha actuación necesaria debido á antigüidade da rede de abastecemento na parroquia de Lérez, executada hai máis de 40 anos. O rexedor sinalou que o avanzado estado de deterioro das tubaxes orixina que “rebenten moi regularmente”, xerando un alto risco de avarías e fugas que comprometen a calidade do servizo.
A obra proxectada en Casaldarado suporá a substitución de seis tramos de conducións cunha lonxitude total de 1.552,89 metros liñais, beneficiando de forma directa a 32 vivendas da zona. A maiores do cambio das tuabaxes principais, a actuación inclúe a reposición e normalización das acometidas domiciliarias afectadas e o posterior restablecemento dos pavimentos asfalticos e de formigón nas calzadas onde se vaian realizar os traballos.