O programa de dinamización da lectura Ler (en) Pontevedra retoma a súa actividade o vindero martes 26 cun roteiro sobre Lorca

A iniciativa, que vai máis aló dun club de lectura, dedicará este primeiro trimestre de actividade á Memoria Histórica cunha camiñada por Pontevedra inspirada en Seis poemas galegos de Federico García Lorca e encontros sobre as obras ‘Quen escribirá a miña historia?’ de Iria Morgade o 18 de novembro e ‘Vémonos mañá’ de Xosé Monteagudo o 16 de decembro.

Os formulario de inscrición para estas primeiras propostas xa están dispoñibles no web www.apuntate.pontevedra.gal

A programación terá continuidade entre xaneiro e xuño con obras de Santiago Lopo e Favio Rivas, a celebración do Día Mundial da Poesía, as Letras Galegas con Neira Vilas e Anisia Miranda, lecturas queer e banda deseñada.

O edil de Cultura presentou esta mañá a segunda xeira do programa ‘Ler (en ) Pontevedra que botará a andar o vindeiro martes 26 de outubro cunha camiñada por Pontevedra inspirada na obra ‘Seis poemas galegos’ de García Lorca.

Tal coma apuntou Demetrio, “Ler Pontevedra é moito máis ca un club de lectura tradicional: é unha experiencia lectora en comunidade. Unha programación destinada a todas as persoas que gostamos dos libros. Imos traballar con materia literaria vinculada a Pontevedra, ben por seren obras de autoría pontevedresa ou por teren a nosa cidade como escenario e protagonista, con diversidade de xéneros, aliñando propostas coa actividade cultural da cidade. Tamén, como novidade contaremos co novo Centro Internacional de Creatividade Maruxa Mallo como base”.

O edil quixo aproveitar a ocasión para presentar a coordinadora da programación: “este ano contamos coa incorporación de Anxos Rial na coordinación. Este ano deixou o ensino pero  docente e coordinou durante moitos anos diversos clubs de lectura no seu centro. Non podiamos consentir que todo ese coñecemento quedara na casa e quixemos contar co seu asesoramento”.

Antes de debullar a programación a coordinadora Anxos Rial, subliñou a aposta polas experiencias dinamizadoras e a apertura a novos públicos: “queremos combinar os debates tradicionais sobre as obras con experiencias lectoras na rúa, como os roteiros e as quedadas para ler en comunidade. Unha das grandes novidades deste curso é que nos diriximos tamén ao público adolescente, colaborando directamente cos clubs de lectura dos institutos da cidade para conectar as miradas dos adultos e das mozas e mozos”.

A programación deste último trimestre do ano estará centrada na Memoria Histórica e contará con tres citas para as que xa está aberta a inscrición en apuntate.pontevedra.gal

A pegada pontevedresa de Federico Garcia Lorca

A primeira cita será o martes 27 de outubro, ás 19.00 h, cun roteiro literario arredor de Seis poemas galegos e outras lecturas galegas de Federico García Lorca. A saída será desde a Praza da Estrela. Publicado en 1935, Seis poemas galegos é o único libro que Lorca escribiu nunha lingua distinta do castelán. Lembraremos as dúas visitas que o poeta fixo pola Boa Vila e destacaremos distintas lecturas que vinculan Lorca con Galicia.

Memoria histórica con Iria Morgade

O mércores 18 de novembro, ás 19.00 h, o Centro Internacional de Creatividade Maruxa Mallo acollerá o encontro arredor de Quen escribirá a miña historia? (Galaxia), coa presenza da súa autora, a pontevedresa Iria Morgade Valcárcel. Doutora en Historia Contemporánea e investigadora da memoria e da represión franquista, Morgade gañou con esta obra o Premio Antón Losada Diéguez na categoría de creación literaria.

Xosé Monteagudo e unha historia de película

O mércores 16 de decembro, ás 19.00 h, tamén no Maruxa Mallo, será a quenda de Vémonos mañá (Xerais), con Xosé Monteagudo. A novela reconstrúe a historia de amor de Bibiano Fernández Osorio-Tafall, alcalde republicano de Pontevedra, e Josefina Arruti, que volven reencontrarse cincuenta anos despois. Monteagudo (Moraña, 1965) é autor de títulos como As voces da noticia, Un tipo listo ou Todo canto fomos, recoñecidos co Premio Blanco Amor, o García Barros e o San Clemente.

O proxecto terá continuidade ata xullo de 2027 e, con datas aínda por pechar, desde a organización avanzaron que o mes de xaneiro contará cun encontro, tamén para público mozo, con Santiago Lopo, gañador do Premio Jules Verne de Literatura Xuvenil 2026 con A lingua dos grifóns.

En febreiro será protagonista a obra de Fabio Rivas e marzo celebrará o Día da Poesía cunha proposta lectora poética moi especial e abril o Día do Libro cun roteiro literario e unha quedada lectora e musical no Maruxa Mallo con moitas sorpresas.

En maio, o club sumarase ás Letras Galegas, dedicadas a Xosé Neira Vilas, cun encontro arredor da súa obra e da de Anisia Miranda. En xuño chegarán as lecturas queer da man do Premio Pinto e Maragota, e en xullo a banda deseñada pechará a xeira.

Compartir publicación: