Lores: “Esta modificación permite investir para rematar os múltiples proxectos que están en marcha no presente, pero tamén para investir no deseño da Pontevedra do futuro”.
O portavoz socialista, Iván Puentes, considera que esta modificación de crédito é “a da xente, a máis transformadora e ilusionante” do mandato, ao introducir “obras físicas que nos piden día a día na rúa” e garantir “que o Concello funcione ata que cheguemos ás urnas”: “Unha vez máis, Rafa Domínguez achega cero euros e limítase a facer ‘ghosting’ e a tentar boicotear para sacar rédito electoral”
O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, e o portavoz do grupo municipal do PSOE, Iván Puentes, presentaron esta mañá o acordo acadado entre o Goberno Local e o grupo municipal socialista para activar unha modificación de crédito por un importe total de 11.170.822,57 euros. “Esta modificación permite investir no deseño da Pontevedra do futuro”, segundo o alcalde; para o portavoz socialista, Iván Puentes é unha modificación “da xente, a máis transformadora e ilusionante”.
Miguel Anxo Fernández Lores, pola súa banda, subliñou que a operación económica se financia integramente con cargo aos remanentes municipais e sen necesidade de recorrer a créditos bancarios. “Podémola facer porque temos débeda cero e polo tanto estamos ante un Concello saneado, a pesar de levar 13 anos coas taxas e impostos conxelados”, afirmou Fernández Lores, quen destacou que este escenario é froito dunha boa xestión económica.
O alcalde agradeceu a negociación desenvolvida co grupo municipal do Partido Socialista para pechar unha operación orzamentaria orientada ao desenvolvemento urbano. “Esta modificación permite investir para rematar os múltiples proxectos que están en marcha no presente, pero tamén para investir no deseño da Pontevedra do futuro”, sinalou o rexedor, quen salientou a natureza exclusivamente inversora do documento: “É a única modificación na que todos os proxectos son de investimento, o que incrementa a capacidade do orzamento”.
O primeiro bloque de actuacións está reservado a dar continuidade a proxectos xa iniciados por un montante global de 670.000 euros. Entre estas obras destacan os 170.000 euros consignados para o videomarcador e a megafonía do estadio municipal de Pasarón, xunto con dous bloques de 250.000 euros cada un destinados á renovación do céspede artificial no complexo deportivo Manolo Barreiro e á consolidación dos restos arqueolóxicos da Ponte do Burgo.
En relación a gastos plurianuais e redacción de proxectos en fase de contratación, o alcalde incluíu a construción dun aparcamento público da rúa Reino Unido en Monte Porreiro (48.278,62 euros) e as achegas municipais do 40% vinculadas ao plan EDIL para redactar os proxectos do campo de fútbol e rugbi (19.720 euros) e do centro social do mesmo barrio (14.085,92 euros). Este bloque completa a súa consignación coa redacción do proxecto de eficiencia enerxética do Pazo da Cultura por 93.929,56 euros, a humanización do Parque Luis Otero por 450.000 euros e a reparación da escola infantil A Galiña Azul de Monte Porreiro por 42.751,74 euros.
O groso da modificación orzamentaria, con máis de 9,8 millóns de euros, concéntrase nas novas propostas de gasto e infraestruturas. Sobresaen actuacións como a execución da reforma das rúas Altamira e Vilar Ponte por 1.124.328,78 euros e unha provisión de 1.000.000 de euros para o novo colector de pluviais en José Malvar. Así mesmo, destínanse 900.000 euros ao alumeado en Salcedo e Tomeza, 500.000 euros á renaturalización da parcela dos circos na avenida de Marín en Mollavao, 1.000.000 de euros a expropiacións urbanísticas entre elas as da na Unidade 24 (Ernesto Caballero) e 456.000 euros adicionais para o céspede de Pasarón, superando o millón de euros de investimento no estadio.
A listaxe inclúe, tamén, a mellora de parques infantís (353.869 euros), o alumeado do campo de fútbol de Marcón (100.000 euros), os estudos de integración da Avenida de Compostela co campus universitario do Lérez (248.000 e 85.000 euros), a ordenación da parcela do Camposanto (406.000 euros) e actuacións do plan EDIL en Monte Porreiro (250.000 euros), Praza de Europa (250.000 euros) e no barrio da Seca (300.000 euros).
Iván Puentes, portavoz do PSOE
Pola súa banda, o portavoz municipal do PSOE, Iván Puentes, asegurou que esta modificación de crédito “probablemente sexa a máis ilusionante das que aprobamos neste mandato e, desde logo, a máis transformadora, porque en efecto, todas as obras que van contempladas nela até sumar máis de 11 millóns de euros son obras físicas, materiais, e de transformación dos espazos nos que vivimos os veciños e veciñas de Pontevedra”. Ao seu xeito de entender, “levan ademais o selo que nos vén caracterizando desde o inicio do mandato e que consiste basicamente en seguir evolucionando o modelo de cidade cara a unha Pontevedra verde, sostible e que se revela contra eses cuestionamentos da dereita e da ultradereita, negacionistas do cambio climático; a Pontevedra que mellora tamén en cada orzamento e en cada modificación de crédito os seus servizos públicos, en particular do ensino; a Pontevedra que segue a expanderse urbanisticamente e que ofrece mellores espazos á veciñanza”.
“Nesta modificación están o PSOE, o equipo de Goberno Local, o Goberno de España… O que non está é Rafa Domínguez -aseverou-, que unha vez máis aporta 0 euros e 0 propostas e amosa que fala moito, pero fai pouco. Cando ademais de pedir hai que poñer cartos para facer realidade o que se pide, Rafa Domínguez fai ‘ghosting’ e adícase a tentar boicotear a acción do seu Concello co obxectivo de sacar rédito político, que visto o visto, nin lle deu resultado nin lle vai dar resultado nas vindeiras eleccións municipais”.
Baixo o seu punto de vista, “esta é a modificación de crédito da xente, porque introduce obras que os veciños e veciñas e as entidades nos piden día a día na rúa, que soluciona boa parte das demandas de calidade de vida que teñen todos eles e que vai garantir o funcionamento do Concello ata o último minuto do actual mandato: que vai haber cartos e crédito e que os problemas dos veciños e veciñas vanse poder resolver ata o día no que cheguemos ás urnas e haxa que elixir á nova Corporación municipal”. “Coido que iso é ser valente, fuxir do tacticismo electoral -apuntou- e exercer o que nos pediron os veciños, que é facer a súa cidade gobernable, mellorar a súa calidade de vida e aproveitar a forza que temos para chegar a acordos como este”.
Unha modificación “que suple os investimentos que Xunta e Deputación non transfiren ao Concello de Pontevedra e si transfiren a outras cidades” e da que, entre outras propostas socialistas, Puentes destacou a suplementación das partidas destinadas a algúns equipamentos deportivos como os 170.000 euros contemplados para dotar de videomarcadores e de nova megafonía o Estadio de Pasarón; os 250.000 euros para a substitución do céspede artificial no campo de fútbol 11 do complexo deportivo Manolo Barreiro; ou a renovación de céspede e alumeado nos campos de Marcón e de Cerponzóns. En relación as propostas orientadas a impulsar o modelo verde e sostible, o líder do PSOE subliñou a presenza de obras que suporán un investimento de máis de 4,3 millóns euros, incluíndo a remodelación da praza da rúa Luís Otero; a prevención das inundacións en Fernando Olmedo; a rehabilitación da parcela dos circos (500.000 €) de Mollavao e a creación dunha zona de lecer e deporte baixo a autoestrada AP-9; a expropiación das últimas parcelas privadas que quedan na rúa Leonardo Enríquez (entre Pasarón e a avenida de Compostela); o treito da vía verde entre a Estación de Trens e o barrio da Seca (300.000 €); ou a recuperación da marisma do Alba, os parques das Palmeiras e María Vinyals, as zonas verdes do contorno do Gafos (entre a rúa da Estación e Alcalde Hevia) e as rúas Irlanda e Luxemburgo (Monte Porreiro) e os xardíns dos contornos de Santa Clara, o Provincial e o Consistorio municipal.
Puentes considera que esta modificación supón “o primeiro grao de area do que será a expansión da cidade cara ao norte”, coa remodelación do contorno “dunha avenida de Compostela que funciona case como un muro de Berlín” e a permeabilización de tráficos peonís e viarios entre o campus e Pasarón, permitindo “mellorar notablemente a calidade urbana do barrio do Burgo”. No que atinxe ás melloras no eido da educación e as insfraestruturas escolares, o socialista referiuse á mellora do patio de Infantil do CEIP Xunqueira 2: drenaxe e equipamento (60.0000 €); a solución definitiva para o abastecemento de auga ao CEIP de Santo André de Xeve; o pintado do comedor do CEIP A Xunqueira 1; e o amaño do patio e a zona de xogos da área de Infantil do CEIP A Xunqueira 1.
Iván Puentes lembrou que, aos 573.000 euros que o Concello xa tiña aprobados para a renovación do terreo de xogo de Pasarón, súmanse agora outros 456.000 euros, co que a cantidade aportada supera o millón de euros. “Achegamos o que Xunta e o PP de Galicia se negan a aportar para que este problema se poida resolver canto antes. Eu só agardo que a Deputación se deixe de dilacións e faga os deberes e que os cartos que prometeu o señor Domínguez poidan estar tamén listos o máis axiña posible para acometer esta actuación canto antes”, sinalou.