O venres 30 de outubro terá lugar un «pase fan» ao redor da xa mítica serie de Los Javis.
O público poderá disfrazarse de Paquita ou Magüi para completar a experiencia.
Este pase especial forma parte do ciclo «Maratón de series Feroz» das actividades feroces en Pontevedra.
O vindeiro venres 30 de outubro, os Premios Feroz converterán a proxección de ‘Paquita Salas’ nunha sesión festiva na que o público pontevedrés (aquel que sexa 360, como a actriz perfecta) celebrará a serie coa que se iniciou o fenómeno de Los Javis. O pase estará precedido por un espectáculo de animación no que se van corear as frases máis famosas e farase un concurso de disfraces entre quen acuda caracterizado como os personaxes dunha das sensacións televisivas do noso tempo.
Todo o mundo preguntarase «¿Qué mail?» na Facultade de Comunicación de Pontevedra nesta proxección tan singular: gozaremos das situacións hilarantes da primeira tempada de ‘Paquita Salas’ e poderemos repetir e recrearnos nalgúns diálogos que xa forman parte do imaxinario colectivo.
AVISO IMPORTANTE: o Larios e os «torreznos» non están incluídos, pero animamos ao público a vir disfrazado de Paquita, de Magüi….
‘Paquita Salas’ é a primeira serie creada por Javier Ambrossi e Javier Calvo, hai agora dez anos, con Brays Efe, Belén Cuesta e Lidia San José como protagonistas. Na 4ª edición dos Premios Feroz, en xaneiro de 2017, acadou os tres galardóns aos que optaba: mellor serie de comedia, mellor actor protagonista (Brays Efe) e mellor actriz secundaria (Belén Cuesta).
Este «pase fan» forma parte do ciclo Maratón de series Feroz das actividades feroces en Pontevedra, previas á gala do 23 de xaneiro.
Sinopse
Coa aparencia de falso documental, a serie móstranos o día a día de Paquita Salas (Brays Efe), unha das mellores representantes de actores de España nos anos 90. Agora todo mudou… pero ela non. Cando a súa actriz máis coñecida a abandona inesperadamente, o mundo de Paquita cambalea e lánzase a buscar un novo talento.
Entradas e datos do evento
As entradas a todas as sesións son de balde previa retirada de localidades na oficina de Turismo da Praza de España de Pontevedra, dende sete días antes de cada actividade e ata completar a capacidade (máximo 2 entradas por persoa).
Para quen non poida achegarse á oficina de Turismo, o Concello pon a disposición do público un formulario de inscrición na web https://apuntate.pontevedra.gal.
- Data e hora: Venres 30 de outubro dende as 18:00.
- Lugar: Facultade de Comunicación (A, P.º Xunqueira, S/N – Campus Universitario de Pontevedra).
- Duración total: 115 min (5 capítulos).