O Concello inviste máis de 1,8 millóns de euros para estender o saneamento rural en Marcón e Verducido

A visita do alcalde Miguel Anxo Fernández Lores amosa os avances nas redes de Sabarís e no norte de Verducido, onde a nova canalización permitirá conectar a pista de piragüismo do Pontillón do Castro e dar servizo a decenas de vivendas. 

O Concello de Pontevedra mantén en marcha a ampliación da rede pública de sumidoiros no rural coa execución de novos proxectos nos lugares de Sabarís (Marcón) e na zona norte da parroquia de Verducido. As actuacións en curso suman un investimento conxunto superior aos 1,8 millóns de euros destinados a dotar de saneamento a zonas habitadas e equipamentos colectivos que carecían del.

No lugar de Sabarís, na parroquia de Marcón, os traballos contan cun orzamento de 274.994,50 euros para a instalación de 1.100 metros de condución principal e 30 pozos de rexistro. Esta infraestrutura discorre por camiños municipais e nove parcelas privadas mediante servidumes de paso, e requiriu unha perforación horizontal dirixida de 29 metros para cruzar a estrada PO-542 sen interromper o tráfico rodado. A obra dará conexión directa á rede xeral a un grupo de 10 vivendas unifamiliares.

Pola súa banda, a fase II (norte) de Verducido dispón dun orzamento de 1.527.175,30 euros e abarca os núcleos de O Gabián e Bordel. O proxecto inclúe 3.834 metros de tubaxes separativas e 118 pozos de rexistro para canalizar as verteduras ata o colector xeral do rego de Verducido e, dende alí, á EDAR dos Praceres, beneficiando directamente a 60 vivendas.

Máis alá do ámbito residencial, a nova rede permitirá resolver o saneamento do complexo deportivo do Pontillón do Castro. “A conexión do Pontillón do Castro é fundamental porque ata o de agora dependía duns sistemas de fosa séptica, a pesar do elevado volume de residuos que xera polo adestramento diario e a celebración de competicións”, destacou o alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, durante a visita ás obras.

A execución desta segunda fase na zona norte súmase á fase I (sur), xa rematada cun custo de 2,42 millóns de euros e 87 vivendas conectadas, o que eleva o investimento global do Concello no saneamento de Verducido próximo aos 4 millóns de euros.

Sen embargo, un tramo do proxecto na zona norte atópase polo de agora paralizado debido á negativa dun propietario particular a autorizar o paso da canalización pola extrema da súa parcela, o que impide conectar a gravidade a un sector de 116 vivendas no lugar da Abelleira. Para superar este atranco, os departamentos técnicos municipais traballan na procura de solucións alternativas. Nestes momentos, “estamos a buscar a vía máis rápida para que a obra se poida executar canto antes“, explicou Fernández Lores, co obxectivo de evitar procedementos máis lentos como as expropiacións forzosas.

O rexedor subliñou a dificultade loxística que require despregar este tipo de servizos no rural, definíndoo como “un traballo de filigrana”, aínda que remarcou o compromiso do goberno local coa veciñanza: “A nosa aspiración é poder conectar todas as vivendas posíbeis”.

Compartir publicación: