O XIX Certame Galego de Bandas de Música reunirá esta fin de semana en Pontevedra 1.000 músicos de Galicia e Portugal

O auditorio do Pazo da Cultura acollerá os días 10 e 11 de outubro a 17 formacións distribuídas en cinco seccións

O acceso a todas as actuacións será de balde ata completar a capacidade.

A edición incorpora como grande novidade o modelo de concerto integral e a retransmisión en streaming a través da canle de Youtube da Federación Galega de Bandas.

O Pazo da Cultura de Pontevedra converterase esta fin de semana no epicentro da actividade musical coa celebración do XIX Certame Galego de Bandas de Música, organizado pola Federación Galega de Bandas de Música Populares (FGBMP). A cita reunirá a 17 formacións, 10 galegas e 7 portuguesas, e mobilizará arredor de 1.000 músicos e músicas ao longo das dúas xornadas.

O certame introduce nesta edición unha novidade destacada o concepto de “concerto integral” que busca deixar atrás a tradicional sucesión illada de obras para valorar a actuación como unha experiencia global, esixindo a cada banda un fío condutor, unha identidade propia e unha memoria artística explicativa.

Ademais, mantense unha estreita conexión co patrimonio musical contemporáneo xa que as obras obrigatorias de cada categoría foron premiadas en anteriores edicións do Concurso Galego de Composición para Banda de Música, favorecendo a difusión de novas creacións galegas.

As bandas participantes desenvolverán as súas actuacións distribuídas nun total de cinco seccións:

  • Sábado 10 de outubro (mañá): A apertura do certame correrá a cargo da Sección Infantil (11:00 h) e da Sección Xuvenil (12:30 h).
  • Sábado 10 de outubro (tarde): As actuacións continuarán a partir das 17:00 h coas formacións da Sección Terceira.
  • Domingo 11 de outubro (mañá): A actividade retomarase ás 10:30 h coas bandas da Sección Segunda.
  • Domingo 11 de outubro (tarde): A partir das 16:30 h subirá ao escenario a Sección Primeira, a máxima categoría do certame, culminando a xornada coa clausura e entrega de premios e diplomas ás 20:30 h.

As actuacións serán avaliadas por un xurado internacional que non será público ata o inicio do certame.

O acceso ao recinto será de balde ata completar a capacidade do auditorio e para levar a música máis aló do auditorio e crear un arquivo audiovisual, todas as interpretacións contarán con gravación íntegra e retransmisión ao vivo a través da canle de YouTube da Federación.

Compartir publicación: