Aberto o prazo de inscrición para unha nova ediciónde Pontedetapas, que se celebrará do 4 ao 22 de novembro  

Os establecementos de hostalaría poderán inscribirse ata o 8 de outubro e competir nas categorías de tapa tradicional, tapa creativa e cóctel 

A concelleira de Promoción Económica, Anabel Gulías, anunciou esta mañá a celebración dunha nova edición de Pontedetapas, o concurso gastronómico organizado polo Concello de Pontevedra a través de Turismo de Pontevedra que cada ano contribúe á dinamización do sector hostaleiro e á promoción da oferta gastronómica da cidade.

Con motivo da presentación, o Concello informou de que o prazo de inscrición para os establecementos de hostalaría do municipio permanece aberto ata o vindeiro 8 de outubro. A competición desenvolverase posteriormente entre o mércores 4 e o domingo 22 de novembro.

Gulías animou os bares e restaurantes da cidade a sumarse a unha iniciativa que busca poñer en valor a hostalaría local, a calidade dos produtos e das materias primas galegas e a capacidade creativa dos profesionais do sector. 

Os establecementos participantes poderán concorrer a tres modalidades: Tapa Tradicional, para aquelas propostas inspiradas no receitario tradicional; Tapa Creativa, destinada ás creacións máis orixinais e innovadoras en técnicas, presentación e combinacións; e Cóctel. Cada local poderá participar nunha, dúas ou nas tres modalidades, cunha creación por modalidade. No caso dos cócteles, poderá presentar unha proposta con alcohol e outra sen alcohol.

As bases establecen, ademais, que as tapas deberán elaborarse con produtos de calidade, primando as materias primas da nosa terra. O prezo de venda ao público será de 4 euros de luns a xoves e de 4,50 euros de venres a domingo para as tapas, mentres que os cócteles terán un prezo de 6 euros. Tanto as bases como o formulario de inscrición poden descargarse nas páxinas web pontedetapas.com e visit-pontevedra.com.

Xurado profesional e votación popular

O concurso contará, como sempre, con dous recoñecementos diferenciados. Por unha banda, un xurado profesional será o encargado de valorar as propostas e escoller as gañadoras nas diferentes modalidades, atendendo a criterios como a elaboración, a presentación, o sabor, o aroma, o concepto, a relación calidade-prezo ou emprego de produtos galegos.

Por outra banda, será o público quen elixa, mediante votación popular, o Premio Tapa Pontevedra, destinado á proposta que mellor represente a esencia da cidade a través do seu sabor, aroma e dos produtos empregados. A proposta gañadora deste premio será a que represente Pontevedra en “Sete cidades, sete sabores”, o certame de Turismo de Galicia no que participan as propostas gañadoras dos concursos de tapas das sete grandes cidades galegas.

Pola súa banda, os gañadores escollidos polo xurado profesional terán a oportunidade de presentar as súas creacións nun showcooking en Etiqueta Negra 2027, dando continuidade así á promoción das propostas gañadoras e do talento da hostalaría pontevedresa.

Pontedetapas conta un ano máis coa colaboración do CIFP Carlos Oroza, de Estrella Galicia e da Asociación de Celíacos de Galicia (para a certificación das tapas aptas para persoas celíacas).

Na pasada edición, o Premio do Público, Tapa Pontevedra, foi para El Cafetín de la Alameda. Pola súa banda, os premios do xurado recaeron en As Greas, na categoría de tapa creativa; Gumer, na de tapa tradicional; e A Gramola, no apartado 

Compartir publicación: