Aberta a convocatoria para a 5ª edición do certame de contos orais en galego ‘Bótalle un conto’ da man de Normalización Lingüística

As persoas interesadas poden cubrir o formulario de participación dispoñible en apuntate.pontevedra.gal ou contactar no teléfono 651 720 350 en horario de 9 a 14 horas ate o 5 de novembro.

As propostas preseleccionadas polo xurado participarán nunha final aberta ao público o 12 de decembro ás 19.30 h conducida por Atenea García.

Ceas para dúas persoas ou vales de compra para libros e material en galego serán os agasallos para os narradores e narradoras dos 4 contos mellor valorados.

O edil de Normalización Lingüística Demetrio Gómez presentou esta mañá a que será a 5ª edición do certame ‘Bótalle un conto’, acompañado de Mar García Vendrell, responsable da coordinación do proxecto que abre hoxe o seu prazo de inscrición.

Con esta iniciativa de normalización lingüística búscase prestixiar e facer visibles as persoas galegofalantes de Pontevedra, promover a participación interxeracional e a cohesión entre os distintos territorios do concello, poñer en valor os nosos trazos dialectais, visibilizar a variedade e a viveza das falas pontevedresas e mostrar a habilidade para emocionar e engaiolar desde a nosa lingua. A actividade incide no uso do idioma e na percepción da utilidade da lingua tanto das persoas que participan contando como do público que asiste, xa que apodera as falas locais.

O edil Demetrio Gómez edil Demetrio salientou a singularidade deste certame polo perfil das persoas que se poñen fronte ao público e á cámara. “É o máis importante certame de contadores e contadoras que temos en Pontevedra, en boa parte da contorna e eu diría que de todo o país polo público ao que vai dirixido: non polo público que asiste a escoitar os contos, senón polas persoas que os contan. Facemos un chamamento a veciñas e veciños que veñan contar as historias que se escoitaban na súa casa”.

Na súa intervención, a coordinadora do proxecto Mar García Vendrell comentou que “para nós é un ano especial, facemos cinco anos e chegar ata aquí foi e está a ser moi chulo. O ano pasado tivemos 54 participantes, dos cales 50 eran mulleres, con idades de 46 a 90 anos e unha media de idade de 75. Un dos nosos obxectivos e baixar esa idade de participación, por iso nesta edición imos facer fincapé nos institutos e nas universidades para coller a esa rapazada que ten moito que contar do que escoitou ou do que viviu na casa. Teñen unha escusa para preguntar por eles, para que lles conten esas historias. Tamén é unha motivación que hai premios para os menores de 18.”

As persoas interesadas en participar poden realizar a súa inscrición a partir de hoxe e ate o 5 de novembro no web municipal apuntate.pontevedra.gal ou no teléfono 651 720 350 en horario de 9 a 14 horas. Vendrella apuntou que, “en realidade a maior parte das participación chegan a través da promoción que facemos nas parroquias e que iniciaremos a próxima semana”.

Na segunda fase do proxecto, terá lugar a gravación das propostas en diferentes centros sociais de Pontevedra e parroquias nas datas comunicadas con anterioridade aos inscritos e inscritas. As historias terán unha duración máxima de 4 minutos e estarán contadas en galego.

Un xurado formado por contadores e contadoras profesionais (Quique Mauricio, do Colectivo Xurelo; Tareixa Alonso e Xacobe Rodríguez, de Pavís Pavós) realizará unha escolla dos 10 contos que participarán na final aberta ao público o 12 de decembro ás 19.30 h que contará coa colaboración de Atenea Garcia.

As catro pezas mellor valoradas poderán gañar unha cea para dúas persoas no caso de ser maiores de idade ou un vale para mercar libros ou material en galego no comercio local, se fosen menores de 18 anos.

Cartel Bótalle un conto 2026 3

Compartir publicación: