O Concello continúa o plan de asfaltados na Parda coas obras nas rúas Camposanto e Abundancia

As actuacións no barrio proseguen tras a execución dos traballos en Maruxa Mallo e Diego Sarmiento de Acuña, dentro do macrocontrato municipal de firmes de máis de 4,4 millóns de euros. 

O Concello de Pontevedra continúa co desenvolvemento do plan municipal de reposición e rehabilitación de firmes no barrio da Parda co inicio das obras en dúas novas vías: a rúa Camposanto e a rúa Abundancia.

Na rúa Camposanto, as tarefas de asfaltado desenvolveranse entre o luns 5 e o martes 6 de outubro no tramo comprendido entre a rúa San Amaro e a rúa Diego Sarmiento de Acuña. A partir do mércores 7 de outubro, os traballos abarcarán a rúa completa, establecéndose o sentido circulatorio regulado para a zona. Pola súa parte, na rúa Abundancia, o peche ao tráfico iniciarase o xoves 8 de outubro e as actuacións poderán prolongarse ata o martes 13 de outubro.

Todas estas actuacións executaranse en horario de 8:00 a 18:00 horas, de luns a venres. Fóra deste horario, as vías permanecerán reabertas á libre circulación. Así mesmo, garantirase o acceso aos garaxes e servizos privados sempre que sexa posíbel fisicamente.

Traballos xa executados na Parda, na cidade e nos polígonos

Esta nova fase dá continuidade ás intervencións xa completadas no propio barrio da Parda, onde se executou a renovación do firme na rúa Maruxa Mallo e na rúa Diego Sarmiento de Acuña.

No que respecta á zona urbana, o plan de pavimentacións xa completou a mellora de rúas como 12 de Novembro e Xosé Malvar, as avenidas de Bos Aires, Uruguai e Corvaceiras, a avenida de Compostela, así como a praza de Galicia e a súa contorna.

No ámbito industrial, os traballos xa acadaron o 100% da superficie planificada nos parques empresariais da cidade, coa pavimentación integral xa rematada no polígono do Vao e no parque empresarial do Campiño.

De xeito paralelo, o plan municipal de firmes ten reanudado e avanzado nas actuacións no medio rural, desenvolvendo traballos na parroquia de Santo André de Xeve, que se suma ás obras xa realizadas ou planificadas noutras parroquias como Campañó, Mourente, Bora, Salcedo, Tomeza, Lourizán ou Santa María de Xeve.

En conxunto, este macrocontrato de rehabilitación de firmes representa un investimento municipal de 4,4 millóns de euros (4.444.436 €) e abrangue unha superficie total de 191.304 metros cadrados ao longo de case 40 quilómetros de estradas do municipio. O proxecto divídese en catro lotes territoriais adxudicados ás empresas E.C. Casas (centro urbano e barrios) e COVSA (polígonos industriais e medio rural). Ademais da renovación do asfalto, o plan inclúe a instalación de novos redutores de velocidade para o calmado do tráfico e a renovación integral da sinalización horizontal e vertical.

Compartir publicación: