O goberno local agradece o compromiso das empresas coas obras municipais a pesar das adversidades económicas.
A Xunta de Goberno tamén trasladou un acordo institucional a todos os colectivos implicados no desenvolvemento da Gran final das series mundiais de tríatlon.
A empresa Zona de obra O Rosal executará a reforma do parque de Luís Otero por 408.000 euros.
Pontevedra mantén a totalidade das súas obras públicas en marcha sen rexistrar ningunha paralización, a diferenza da tendencia xeral noutras localidades afectadas polo aumento de custos e a falla de persoal, segundo indicou esta mañá o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores. O contexto socioeconómico actual vén marcado polo incremento dos prezos de materiais e combustibles derivados de tensións internacionais, así como pola escasa dispoñibilidade de man de obra especializada no sector da construción.
Ante esta conxuntura, o alcalde salientou o esforzo das empresas adxudicatarias e amosou o seu recoñecemento ás compañías polo cumprimento estrito dos seus contratos. “É de agradecer que se manteña o compromiso e que as empresas fagan un esforzo para que os proxectos poidan seguir adiante, asumindo o risco e ventura que iso comporta”, sinalou Lores.
Para responder a dificultades puntuais de execución, a Xunta de Goberno aprobou dúas prórrogas: na rúa Luís Seoane, concedéuselle dous meses máis á empresa Construcciones Vale, fixando a nova data límite de remate para o 8 de decembro; e na canalización de pluviais e pavimentación no Outeiro (Lérez), adxudicada a Construcciones E.C. Casas , sumou 15 días de marxe —co 20 de outubro como data de finalización.
Por último, a Xunta de Goberno aprobou un acordo institucional de felicitación e agradecemento a todos os colectivos implicados no desenvolvemento da Gran final das series mundiais de tríatlon. O recoñecemento esténdese aos servizos municipais de Deportes, Policía Local, Protección Civil, servizos centrais e ás brigadas operativas xunto coa contribución das empresas concesionarias e do voluntariado.
Por outra banda, o Concello vén de formalizar a adxudicación do proxecto de reforma integral do parque da rúa Luís Otero, no barrio do Burgo. A actuación foi outorgada á empresa Zona de obra O Rosal por un importe de 408.600 euros —fronte aos 450.000 euros de licitación— e contará cun prazo de execución de seis meses.