O Concello inicia o luns as obras de reurbanización de Rosalía de Castro e perfila a folla de ruta para o edificio de Emerxencias 

O edil de Infraestruturas, César Mosquera, anuncia o comezo dos traballos na rúa Simón Bolívar, coordinados co Sergas, e detalla os tres encargos técnicos para transformar a antiga finca de Fenosa na futura xefatura da Policía Local e depósito do guindastre 

A vindeira semana darán comezo as obras de reurbanización no contorno da rúa Simón Bolívar, que posteriormente se estenderán a Rosalía de Castro e á zona do bypass. O edil de Infraestruturas, César Mosquera, explicou que a decisión de arrancar os traballos polo tramo de Simón Bolívar responde á necesidade de desbloquear o soterramento duns cables de media tensión propiedade de Fenosa que se está a executar nestes días. Esta decisión permite avanzar na execución da reforma sen adiar o inicio global do proxecto.

Para reducir ao mínimo o impacto na atención sanitaria da zona, os traballos foron previamente coordinados co Sergas para traballar na zona de xeito ordenado, garantindo o funcionamento continuado da Casa do Mar e o acceso de usuarios. Durante esta semana e os primeiros días da vindeira colocaranse as notificacións preventivas para a retirada de vehículos e a delimitación do valado e das casetas de obra. 

O proxecto execútase con cargo aos fondos que lle corresponden ao Concello de Pontevedra dos orzamentos provinciais da Deputación.

Edificio de emerxencias

O Concello, por outro lado, avanza na ordenación da parcela adquirida a Fenosa para dotala dun uso público e funcional. O ámbito acollerá o novo edificio de emerxencias municipal, o depósito municipal do guindastre, e posibilitará a incorporación doutras dotacións municipais.

A integración deste proxecto co desenvolvemento do Plan de Infraestruturas (PIA) da Parda, cuxa aprobación definitiva se agarda antes de final de ano segundo as estimacións da Consellería, permitirá abrir un novo vial pola parte posterior da parcela. Esta nova arteria resolve as diferenzas de cota do terreo e garante unha accesibilidade e fluidez óptimas para as entradas e saídas de emerxencia dos vehículos policiais.

Coa finalidade de axilizar os trámites urbanísticos e de execución, a área de Infraestruturas xa puxo en marcha tres documentos técnicos fundamentais:

  • Ordenación urbanística: Documento para modificar o uso do solo de industrial a dotacional e definir a estrutura de viarios, que estará concluído en poucas semanas.
  • Proxecto de urbanización: Deseño integral do ámbito, que incluirá novas prazas de estacionamento público para o contorno.
  • Proxecto de rehabilitación do edificio traseiro: Plan de reforma da nave existente sen necesidade de realizar cortes ou derrubamentos na estrutura, ao contar xa coa nova conexión posterior prevista no planeamento.

Compartir publicación: