Abre o prazo de recepción de propostas para a 28 edición do programa de actividades para mocidade Noites Abertas

O formulario dispoñible no web noitesabertas.gal e estará operativo entre o 1 e o 31 de outubro

O desenvolvemento das actividades seleccionadas terá lugar entre o 19 de febreiro e o 10 de abril de 2027, cunha parada durante a Semana Santa.

A convocatoria está aberta a asociacións, cooperativas, empresas, persoas autónomas e profesionais que querían traballar no eido da xuventude, concretamente entre os 12 e 30 anos.

O concelleiro de Xuventude, Demetrio Gómez presentou esta mañá a convocatoria de presentación de proxectos para a que será a XXVII edición de Noites Abertas. O prazo permanecerá aberto ente o 1 e o 31 de outubro no formulario do seu web noitesabertas.gal

O edil apuntou que, logo da recepción de propostas “durante o mes de novembro terá lugar a selección das propostas e entre o 1 de decembro e o 19 de febreiro, co Nadal polo medio, para que o departamento de Xuventude ordene o calendario, deseño e comunicación das actividades. Entre o 19 de febreiro e o 10 de abril, terá lugar a celebración as noites de venres e sábado, con descanso durante a Semana Santa”

Lembrou que “casa calquera que queira traballar no eido da xuventude pode presentar propostas: asociacións, cooperativas, empresas, persoas autónomas e profesionais deste eido. Sobre as propostas que poden presentar, poden ser de interior ou exterior, dunha ou dúas horas de duración, entre unha e catro sesións, para mocidade entre 12 e 30 anos ou para algún segmento dese rango de idade, que se desenvolvan entre as 20.00h e as 00.00h do venres e o sábado, e con calquera temática e calquera contido, diversas, inclusivas, accesíbeis e plurais, relacionadas coa promoción da igualdade, a cultura galega, a interculturalidade, co xogo, a gastronomía. Agardamos que nos sorprendan como cada ano.”

O edil salientou que o máis importante e pensar que “a rapazada non vai a Noites Abertas a ver películas, vai facer películas. É un lecer activo e formativo onde se vai facer cousas. Deben ser actividades lúdicas, construtivas e participativas”.

O proceso de selección das propostas recaerá na equipa de Xunventude que con 27 edicións ás costas, teñen experiencia contrastada para “escoller as de maior interese para a mocidade”. 

Para calquera consulta sobre a presentación de proxectos ou para concertar unha cita previa, pódense utilizar as seguintes canles da Oficina Municipal de Xuventude:

  • Enderezo: Casa da Luz (Praza da Verdura s/n, 1º andar, Pontevedra).
  • Teléfono: 986 100 185 (extensións 7491 e 7492).
  • Correo electrónico: noitesabertas@pontevedra.gal.
  • Redes sociais: Instagram @xuventude
Noites Abertas 2027 1320x743

Compartir publicación: