O Concello adxudica a renovación da rede de auga no lugar de Casaldarado, en Lérez, por máis de 369.000 euros

A actuación contempla a substitución de máis de 1,5 quilómetros de conducións e a repavimentación integral das vías afectadas.

O proxecto recolle as achegas da Asociación de veciños San Bieito de Lérez e do movemento veciñal para resolver o deterioro da rede existente 

O Concello de Pontevedra acaba de adxudicar as obras de renovación e mellora da rede de abastecemento de auga potable no lugar de Casaldarado, na parroquia de Lérez, por un importe de 369.360,61 euros. A intervención permitirá substituír as anticuadas canalizacións existentes, instaladas entre finais dos anos 80 e principios dos 90, que presentan un avanzado estado de deterioro e provocan fugas frecuentes.

O proxecto desenvolveuse en coordinación directa co movemento veciñal da parroquia. A concelleira responsable do rural, María José Abilleira, salientou que esta obra é “un claro exemplo, novamente, da coordinación e traballo constante deste goberno co movemento asociativo e a veciñanza das nosas parroquias”, ao recoller achegas feitas pola Asociación de veciños San Bieito de Lérez e por veciños a título persoal.

Os detalles técnicos da obra contemplan a substitución dos canos en seis tramos da rede existente, o que supón un total de 1.552,89 metros de lonxitude. As novas conducións serán de polietileno de alta densidade con diámetros de 63 mm e 90 mm, e incluiranse os elementos auxiliares necesarios e a reposición das acometidas afectadas. Unha vez finalizadas as obras nas tubaxes, repavimentaranse as vías afectadas en todo o seu ancho. O prazo de execución do proxecto é de catro meses.

Así mesmo, María José Abilleira indicou que dende o goberno xa se están a preparar outros proxectos para a substitución destas conexións noutros puntos da parroquia. Entre estas futuras actuacións, a concelleira sinalou que a máis importante e complexa será a que afecte a vía que pasa por diante do centro de saúde de Lérez, ante a falta de previsión do Sergas para dotar dun estacionamento ao centro de saúde.

Compartir publicación: