A primeira das citas coincidirá coa celebración do Día Internacional da Tradución. Será o mércores 30 de setembro ás 19.30h na Libraría Metáfora con entrada libre ata completar cabida.
O venres 2 de outubro ás 12.00h o Centro Internacional de Creatividade Maruxa Mallo acollerá un encontro con máis de 70 rapaces e rapazas de bacharelato dos IES do municipio, aberto tamén ao público en xeral.
O Obradoiro Internacional de Tradución Poética ‘Con barqueira e remador’ celebrará entre o 28 de setembro e o 3 de outubro na illa de San Simón a que será a décimo quinta edición do proxecto coordinado pola poeta e tradutora Yolanda Castaño. A cidade de Pontevedra acollerá como vén sendo habitual o froito desta convivencia en forma de dous recitais que terán lugar na libraría Metáfora e no novo Centro Internacional de Creatividade Maruxa Mallo.
Na presentación destas actividades, o concelleiro de Cultura, Demetrio Gómez, amosouse moi satisfeito de consolidar esta colaboración: “fainos moitísima ilusión consolidar a lectura para todos e contar con Tamara Andrés, unha poeta case de Pontevedra, neste obradoiro”. Salientado a celebración do recital concertado con alumnado bacharelato de IES da cidade que terá lugar o venres 2, apuntou que “é excelente o diálogo que se establece entre estes poetas e o noso alumnado. Estamos moi contentos de recibir a Yolanda e ao seu obradoiro cun público que o acolle con tanto cariño”.
Pola súa banda, a coordinadora do proxecto, Yolanda Castaño, salientou o fito de acadar os quince anos dunha iniciativa de intercambio intensivo e recíproco entre linguas: “chegar á edición número 15 dun proxecto cultural xa é algo moi salientable para recoñecer. Pontevedra é unha cidade moi permeable e acolledora ás iniciativas culturais e literarias. Este ano temos o engadido de celebrar o Día Internacional da Tradución en Pontevedra permitindo escoitar nas súas voces orixinais a poetas de referencia internacional”.
Ademais, Castaño referiuse á participación da poeta Tamara Andrés como anfitrioa e cicerone do grupo salientando que “conta coas máis altas credenciais formativas e profesionais en tradución e vai ser a cicerone que guíe neste máster acelerado en cultura galega aos novos visitantes, quen logo levarán a nosa literatura aos seus países de orixe”
Antes de dar a coñecer o nome dos seis poetas e tradutores que compartirán a súa sensibilidades en seis linguas diferentes, Yolanda salientou a importancia de que o recital público do día 30 de setembro ás 19.30h na Libraría Metáfora “fará que celebremos aquí o Día Internacional da Tradución”. Tamén apuntou que o recital matinal do día 2 de outubro ás 12.00h no Maruxa Mallo, pese a estar concertado con alumnado, “está aberto a todo o público xeral que lle cadre mellor ese horario para gozar da poesía. Vai ser moi fermoso para nós, que aínda non o coñecemos, inaugurar o este novo Centro Internacional de Creatividade”
Esta edición reúne seis novas voces chegadas dende a India ata Euskadi, de Croacia/Grecia ata Polonia, dos Países Baixos a Pontevedra, para que embarquen versos en caxemirés, frisón, croata, polaco, éuscaro e galego. Linguas con moi diferentes dimensións, historias e estatutos, pero traballando en pé de igualdade e abrindo, unhas para as outras, novas rutas de navegación co inglés facendo de ponte ou lingua vehicular, cada poeta traducirá as demais e será traducido por elas.
- Tamara Andrés (galego / Galiza)
- Angel Erro (éuscaro / Euskadi)
- Tsead Bruinja (frisón e neerlandés / Países Baixos)
- Krystyna Dąbrowska (polaco / Polonia)
- Marija Dejanović (croata / Croacia e Grecia)
- Mohammad Zahid (caxemirés / India)