A tenente de alcalde Eva Vilaverde explicou que o servizo atenderá a 22 centros educativos.
A Xunta de Goberno tamén aprobou a adxudicación do servizo de prevención sanitaria de control da lexionelose que se estende a 39 edificios.
O Concello de Pontevedra adxudicou hoxe o contrato para o mantemento integral de 22 edificios educativos e escolas infantís de competencia municipal, xunto co servizo de prevención e control da lexionelose en 39 dependencias locais.
A atención aos centros de ensino supón máis do dobre do investimento económico que se realizaba ata o de agora, alcanzando os 500.000 euros anuais segundo adiantou a tenente de alcalde Eva Vilaverde ao remate da Xunta de Goberno que deu luz verde á adxudicación.
O contrato estrutúrase en tres lotes territoriais: o lote norte (que abarca Monte Porreiro, Campañó, Xeve, Verducido e Lérez) foi adxudicado á empresa Naturgalia SL; o lote centro (centro urbano) adxudicouse a Elecnor Servicios y Proyectos; e o lote sur (Salcedo, Lourizán, Ponte Sampaio, Mourente, Marcón e a Escola Infantil da Parda) recaeu en Acciona Facility Services. Este servizo ten unha duración de tres anos con posibilidade de dúas prórrogas anuais e inclúe tanto actuacións programadas de inspección, revisión e limpeza de equipamentos… como intervencións non programadas para a reparación de avarías e conservación.
Eva Vilaverde, destacou que con este contrato “dámoslle garantía aos centros escolares públicos dun mantemento integral de calidade, que demostra o apoio polo ensino público no coidado e a atención aos centros públicos desta cidade”.
Por outra banda, a prevención e control analítico para evitar a proliferación da bacteria Legionella adxudicouse á empresa Kindling por un importe total de 377.520 euros para os tres anos de duración do contrato, tamén extensible dous anos máis mediante prórrogas anuais. As tarefas de mantemento sanitario e inspección aplicaranse nas redes de auga quente sanitaria, auga fría e sistemas de calefacción de 39 instalacións municipais, que inclúen colexios, recintos deportivos, o parque de bombeiros e dependencias administrativas.