A actuación substituirá 5.103 metros cadrados de herba deportiva cun prazo de execución de cinco semanas
A Xunta de Goberno Local aprobou esta mañá a adxudicación do contrato para o subministro e instalación do novo céspede artificial nos dous campos de fútbol 8 do complexo deportivo municipal Manolo Barreiro, situados na Xunqueira. A intervención suporá a renovación integral de 5.103 metros cadrados de pavimento deportivo de herba sintética.
A adxudicación recaeu na empresa Mondo Ibérica SAU por un importe total de 135.860,58 euros —fronte aos 142.937,83 euros do orzamento de licitación— e ten un prazo de execución de cinco semanas. A proposta técnica seleccionada inclúe un sistema de tecelaxe en zigzag (tufting) que evita o aliñamento en paralelo da fibra, o que mellora o bote e a rodaxe do balón ao tempo que reduce o desgaste do calzado deportivo.
Este proxecto de renovación é un investimento feito con cargo aos fondos que lle corresponden ao Concello de Pontevedra dos orzamentos da Deputación Provincial.