Miguel Anxo Fernández Lores salienta a recuperación deste espazo degradado para conectar o leste co oeste da cidade e a boa marcha dos traballos, que poderían estar concluídos antes de marzo de 2027
Esta actuación está cofinanciada pola Unión Europea a través do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) cunha achega do 60% do seu custe.
O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, realizou esta mañá unha visita ás obras de construción do futuro parque da Parda, un dos proxectos clave de transformación urbana da cidade que conta con cofinanciamento dos fondos europeos FEDER no marco da estratexia EDIL. Durante a rolda de recoñecemento, o rexedor destacou que esta actuación dotará a Pontevedra do seu parque urbano máis extenso, cunha superficie total que supera os 34.000 metros cadrados.
Lores puxo en valor a recuperación deste ámbito, anteriormente degradado, para convertelo nunha grande área de esparcemento dotada con zonas de lecer, xogos infantís e até un skatepark.
Ademais, o parque permitirá comunicar o leste co oeste da cidade, ofrecendo a posibilidade de camiñar desde a Parda a través do parque e a senda do río Gafos até a propia ría de Pontevedra, reafirmando o compromiso do Goberno Local coa mobilidade sostible e a promoción da actividade física entre a poboación.
Os traballos están a desenvolverse a bo ritmo e xa é posíbel comprobar como se atopan moi adiantados os accesos desde a zona dos xulgados e o aparcadoiro da zona norte. Ademais, xa están instaladas todas as redes de servizos básicos (auga, electricidade e telecomunicacións) e acométese a execución das beirarrúas e viarios limítrofes.
No referido aos aparcadoiros, o proxecto inclúe dúas zonas de estacionamento (unha próxima aos xulgados e outra preto da avenida da Estación) que sumarán en conxunto arredor de 200 prazas. A apertura destas prazas realizarase tan pronto estean completadas as obras correspondentes.
Dentro da ordenación do parque reserváronse 10.000 metros cadrados destinados á futura construción dun pavillón polideportivo. O Concello atópase actualmente a desenvolver os estudos previos para determinar as necesidades deportivas e características desta futura instalación.
Respecto ao calendario de execución, o alcalde confirmou que o proxecto cumpre cos prazos marcados durante a adxudicación do proxecto. Aínda que a data límite de entrega está fixada en marzo de 2027, Lores adiantou que, se as condicións meteorolóxicas non son excesivamente chuviosas, as obras poderían quedar rematadas antes do previsto.
Fondos EDIL
Esta actuación está cofinanciada pola Unión Europea a través do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER), integrado no Programa Plurirexional de España (POPE) para o período 2021-2027. Trátase de axudas enmarcadas na Estratexia de Desenvolvemento Integrado Local (EDIL).
A axuda europea destínase a facer realidade o Plan de Actuación Integrado (PAI) “RAIL Pontevedra” (Reconexión, Accesibilidade Integral e Mellora Ambiental de Pontevedra Leste). Este Plan conta cun orzamento cofinanciado de 14.550.506 euros, dos cales o 60% corresponde á axuda europea FEDER (8.730.304 euros) e o 40% restante son achegados polo Concello de Pontevedra (5.820.202 euros).
Ademais, o Concello de Pontevedra asume o compromiso de achegar o resto de fondos propios para garantir que o investimento total acade a ambiciosa cifra orixinal de 20.000.000 euros en catro proxectos clave: a dotación deportiva e de espazos públicos en “Monte Porreiro Revive”; a xestión de inundacións en “Adapta e conecta A Seca – Valdecorvos”; o parque de “A Parda verde”; e a modernización de e-servizos con “Pontevedra SmartCity”.