O alcalde visitou esta mañá o desenvolvemento dos traballos que poderían estar rematados a final de ano.
As actuacións teñen como obxectivo resolver os asolagamentos en Lourizán e eliminar os vertidos ao leito fluvial antes de fin de ano
O alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, acompañado dos concelleiros María José Abilleira e Xaquín Moreda visitou esta mañá o avance das dúas obras de emerxencia que Pontevedra ten actualmente en marcha para resolver problemas históricos de drenaxe e saneamento no municipio. Cunha inversión conxunta que supera os 1,24 millóns de euros, os traballos céntranse na renovación da canalización do río Placeres na rúa do Santo e na substitución do colector do río dos Gafos na contorna da estación de autobuses.
Durante a visita, Lores destacou que se trata de actuacións “moi complexas desde o punto de vista técnico”, aínda que avanzan a bo ritmo coa previsión de ter ambas as obras completadas e operativas antes de fin de ano. “O fundamental no Santo é garantir a correcta evacuación das augas pluviais cara á ría para evitar inundacións, mentres que no Gafos o obxectivo prioritario é sacar a tubaxe do leito do río e eliminar definitivamente os vertidos”, subliñou Fernández Lores.
Na rúa do Santo, na parroquia de Lourizán, a obra supón un investimento de 491.404,27 euros e conta cun prazo de execución de tres meses. Os traballos inclúen a substitución da antiga tubaxe de formigón de 800 mm por un novo colector de 1.200 mm de diámetro ao longo de 130,7 metros, o que multiplica por máis de dous a capacidade de evacuación de augas. Para mellorar o fluxo pluvial cara á ría, executouse un arquetón de grandes dimensións antes da vía do tren para empatar directamente coa canalización de 1.200 mm xa existente. O principal reto técnico sitúase no cruce da estrada PO-546, onde o novo tubo de 1.400 mm de exterior debe discorrer por debaixo dos servizos existentes. A actuación complétase con sete arquetas de rexistro, 73 metros de canalización de residuais e a reposición dos pavimentos.
Pola súa banda, a renovación do colector do río dos Gafos conta cun orzamento de 752.314,78 euros e un prazo de seis meses. A obra contempla a instalación de 440 metros de tubaxe nova fóra do leito fluvial entre a rúa Otero Pedraio e a avenida da Estación, ampliando o diámetro de 400 mm a 500 mm para incrementar a capacidade hidráulica e retirar os tubos deteriorados do interior do río. Como solución técnica destacada, na pasarela peonil da estación de autobuses mantense a estrutura suspendida e reforzada por arriba con soportes metálicos, o que permite traballar por debaixo con seguridade sen necesidade de desmantelala.
Ambas as actuacións foron adxudicadas á empresa Veolia.