Diseccionado todo o operativo de mobilidade para a Gran Final
O importante operativo sobre o tránsito motorizado despregado pola cidade para abordar coa maior harmonía a Gran Final do campionato do mundo de tríatlon foi presentado pola concelleira de Protección Cidadá, Eva Villaverde, quen agradeceu a todas as persoas implicadas na organización a súa boa disposición para abordar con eficacia estas datas especialmente delicadas para a mobilidade.
O acto informativo encabezado por Villaverde contou tamén coa presenza do director xeral de Seguridade, Daniel Macenlle e o Xefe da Policía Local, José Manuel González Abal.
“Este ano, ademáis, é especialmente complexo ao introducir dúas das principais carreiras por medio do entramado urbano, co que hai que tomar medidas algo máis delicadas como por exemplo impedir o paso lonxitudinal de persoas a pé na baixada de Cobián Roffignac durante a proba de ciclismo debido á velocidade que poden chegar a acadar as bicis”.
Referiuse á circulación de entrada e saída da cidade, na que adquiren especial protagonismo os intinerarios de circunvalación e sobre todo os que evitan as conexións do norte, coas avenidas de Compostela e Bos Aires como epicentro. As distintas rúas que serán cortadas, quedarán sen uso sempre o mínimo tempo posible.
Recursos moi importantes do operativo son igualmente a sinalización efémera e o teléfono da Policía Local, ao que se pode chamar en calquera momento tanto antes do evento como durante o mesmo, para coñecer as previsións en calquera punto e responder de xeito personalizado ás necesidades de cada persoa, para que cada unha teña toda a información necesaria para planificar os seus desprazamentos.
Así mesmo, as indicacións dos e das axentes de seguridade pública e as persoas que traballan para o sistema de mobilidade e mesmo a información electrónica a través da web, con facilidade de acceso e códigos qr esparexidos por toda a cidade.
O perímetro do Centro Histórico Uruguai – Arcebispo Malvar – Praza de España – Michelena – Benito Corbal – Cobián Roffignac – Padre Amoedo – Bos Aires é a gran novidade deste ano, que permitirá ás distintas retransmisións televisivas e instantáneas fotográficas dispoñer de inmellorables vistas da paisaxe urbana, especialmente diante de Santa María, Concello e Peregrina.
Tamén o corazón da proba, a avenida de Bos Aires entre as pontes dos Tirantes e das Palabras permanecerá pechada, garantíndose o acceso da veciñanza aos edificios desta área próxima ao río.
Unha completa publicación de 30.000 exemplares que está buzoneándose en toda a cidade informa á cidadanía de xeito pormenorizado de todas as limitacións por días e por barrios, así como sobre a mobilidade xeral. Un total de 18 planos contribúen a aclarar ás persoas usuarias como poden moverse en coche, aínda que a recomendación que con más insistencia se realiza é que canto menos collan o coche, mellor: só cando é imprescindible.
Precisamente as entradas a garaxes e circulación de persoas residentes estará garantida en todo momento, agás por suposto nos tempos específicos de duración de cada proba. Os distintos operativos diarios dispuxeron ademáis de carrís específicos para as necesidades da veciñanza de varios lugares tanto da cidade como das inmediacións da estrada de Santiago N550 para facilitar os accesos.
“Temos experiencia, sabemos como facelo e facémolo con toda a nosa intelixencia, por iso somos unha gran sede deportiva e podemos traer este espectáculo de tanta importancia para velo e palpalo en directo”, reseñou Eva Villaverde.
Daniel Macenlle lembrou tamén pedir especial coidado en rúas e estradas nos días previos á Gran Final, pois serán bastantes os deportistas que veñan probar os circuitos: “Pídese respecto, colaboración, agarimo e máxima colaboración entre todas e todos para garantir a seguridade e a convivencia na vía pública”.
A preguntas dos xornalistas, Villaverde mostrouse esperanzada de que La Liga consinta ao Pontevedra aprazar o partido previsto en Pasarón coincidindo coa final masculina do campionato, tanto para garantir a seguridade como para que tanto siareiros do fútbol como deportistas poidan gozar do gran espectáculo deportivo.



