O Concello e o INVIED impulsan a execución do convenio urbanístico de Defensa de Xeneral Rubín e de Rosalía de Castro

O alcalde reuniuse esta mañá coa nova directora xerente do Instituto de Vivenda, Infraestruturas e Equipamento da Defensa (INVIED) para facer seguimento do convenio urbanístico que o ministerio está a promover na cidade. 

O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, mantivo hoxe un encontro coa nova directora xerente do Instituto da Vivenda, Infraestruturas e Equipamento da Defensa (INVIED), María Ángeles Cano Díaz co obxectivo de axilizar a integración urbana dos espazos pechados ao uso militar en Rosalía de Castro e en Xeneral Rubín. Na xuntanza participaron a directora xerente do INVIED, a coronela María Yolanda Huidobro Tascón; o director xeral técnico e de alleacións, o coronel Juan Carlos López Rodríguez; o director xeral de obras, o coronel Pedro Bueno Fernández; o capitán de fragata Enrique García González e o concelleiro de Urbanismo, Alberto Oubiña.

A reunión serviu para fixar dúas conclusións que o alcalde cualificou como as “dúas alegrías” para o futuro dos barrios de Campolongo e Rosalía de Castro. En primeiro lugar, confirmouse a vontade común de executar o convenio para permeabilizar un espazo ata agora restrinxido. Como segunda clave, ratificouse o compromiso de que as vivendas serán vendidas aos seus actuais inquilinos unha vez superados os trámites administrativos, unha decisión que se mantén invariable e que achega seguridade xurídica ás familias residentes.

A execución material do acordo xa presenta avances tanxibles na rúa Rosalía de Castro. Destaca o derrubo dos antigos chalés unha actuación que xera unha edificabilidade de 251 metros cadrados en planta baixa e que supón unha mellora estética directa para a contorna. Paralelamente, as obras do local de cesión municipal, cunha superficie de 394 metros cadrados, atópanse na súa fase final. Os responsables do INVIED confirmaron que estas instalacións estarán rematadas no prazo dun mes, permitindo logo a súa cesión ao Concello.

No plano técnico, a xestión céntrase agora na tramitación dos proxectos de urbanización e parcelación. O proxecto de urbanización atópase pendente de que o INVIED incorpore as emendas técnicas solicitadas polos técnicos municipais para a súa aprobación; e o proxecto de parcelación definirá a nova titularidade do solo: os edificios manteranse baixo dominio estatal, mentres que os viais e zonas verdes pasarán a ser propiedade de Pontevedra para a súa apertura á cidadanía.

O alcalde recoñeceu a complexidade deste proceso que obriga a completar o parcelamento —separando o solo municipal do de Defensa— para poder realizar posteriormente a división horizontal de cada edificio. Sen este requisito de separar os pisos de xeito individualizado, resulta imposible proceder á venda. Fernández Lores salientou que esta situación non é exclusiva de Pontevedra, senón que o Pontevedra está á par de grandes proxectos estatais en cidades como Madrid ou Sevilla que atravesan fases administrativas idénticas.

A culminación deste convenio transformará o antigo enclave nun pulmón verde e nunha área de expansión residencial moderna. O proxecto contempla a creación dunha zona verde de 3.848,70 metros cadrados e unha nova praza pública aberta á rúa Rosalía de Castro. A permeabilidade urbana completase coa ampliación da rúa da Tablada, mellorando a conectividade en todo o barrio.

Compartir publicación: