A intervención enmárcase no contrato millonario de renovación da iluminación na zona norte-leste.
As tarefas de saneado realizáronse esta semana na rúa de Eduardo Pondal
O Concello de Pontevedra aproveita os meses de verán para avanzar en tarefas específicas do contrato de renovación e substitución da iluminación pública da zona norte-leste da cidade. Entre os traballos singulares do contrato inclúese o saneado, limpeza e repintado de 700 báculos e columnas de soporte, unha intervención cun orzamento de 153.673,03 euros que se estende por todo o casco urbano e que estivo esta semana na rúa de Eduardo Pondal cos labores de mantemento estético e físico das columnas.
O método de traballo para a restauración consiste nun tratamento integral para garantir a súa durabilidade. Inicialmente, realízase unha limpeza a fondo con lavado e saneado mecánico para retirar carteis, adhesivos e sucidade acumulada. Posteriormente, aplícase unha pintura protectora especial de poliuretano de dous compoñentes, idónea para prolongar a vida útil destes soportes de aceiro e fundición de forma que queden coma novos. O proceso complétase coa revisión técnica e posta a punto de todos os elementos internos do báculo: caixas de conexión, tornillería de ancoraxe, tapas de rexistro e cableado de seguridade eléctrica.
Esta liña de restauración divídese en dúas partidas económicas : 101.580,48 euros destínanse á área da zona norte, que abrangue rúas e prazas como San Antoniño, Benito Corbal, A Eiriña, A Parda ou O Castañal. Os restantes 52.092,55 euros resérvanse para o mantemento e saneado de báculos na área sur, completando as actuacións que quedaran pendentes de proxectos anteriores de xeito que se unifique a imaxe e conservación das columnas en toda a cidade.
Aqueles báculos que os servizos técnicos municipais determinen que non admitan restauración serán substituídos por columnas totalmente novas. Para facer fronte a estas reposicións e novas instalacións, o contrato contempla o subministro de ata 176 novas columnas de aceiro galvanizado, aceiro inoxidable ou aluminio que se instalarán en zonas como o paseo de Montero Ríos.
Nunha fase posterior do contrato, tamén se executará un reforzo específico da seguridade viaria en 36 pasos de peóns que serán determinados conforme a decisións técnicas e necesidades de protección peonil. Esta actuación complementaria consistirá na instalación de 72 conxuntos novos de iluminación (dous por paso de peóns) que contarán con columnas específicas para evitar calquera sombra que prexudique a visibilidade dos viandantes.
Aforro e sustentabilidade global
O contrato global de renovación da iluminación na zona norte-leste do centro urbano foi adxudicado á empresa Setga S.L.U. por un importe total de 2.272.246,90 euros. A intervención global prevé cambiar 2.304 luminarias convencionais por tecnoloxía LED de alta eficiencia e renovar 39 cadros de mando equipados con telexestión, o que permitirá un aforro de enerxía eléctrica do 77 % ao evitar a emisión de máis de 651 toneladas de CO2 ao ano.
Esta actuación de gran envergadura enmárcase no obxectivo de aforro e transición enerxética que, sumada ás obras xa executadas na zona sur e en barrios como O Burgo entre outras zonas do concello, situará o 83 % da rede de alumeado municipal baixo criterios de eficiencia e sustentabilidade.
O proxecto está financiado con cargo aos fondos que lle corresponden ao Concello de Pontevedra da asignación anual da Deputación provincial aos concellos da provincia.