A Xunta de Goberno Local aprobou o inicio do expediente de contratación para a reposición do céspede artificial en dous campos de fútbol 8 do complexo deportivo de A Xunqueira Manolo Barreiro.
Esta actuación contará cun orzamento de 142.937 € e un prazo de execución de cinco semanas. Segundo explicou o alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, a intención do Goberno local é que as obras se executen coa maior celeridade posible unha vez que se complete a tramitación administrativa e se adxudique o contrato. O obxectivo prioritario é ofrecer as mellores instalacións e o mellor servizo á gran cantidade de clubs de fútbol do municipio que fan uso destas instalacións deportivas.
Sobre o desenvolvemento práctico dos traballos nos dous campos, o alcalde apuntou que aínda está por decidir se as obras se realizarán de xeito simultáneo ou sucesivo. “Supoño que se é máis rápido facelos a un tempo, faranse xuntos”, sinalou Fernández Lores, engadindo que, en caso contrario, farase un despois do outro co fin de que os clubs poidan seguir empregando o terreo de xogo anterior mentres se acomete a reforma.
Cómpre lembrar que este proxecto conta co financiamento da Deputación de Pontevedra a través dun convenio de colaboracion asinado co Concello.