Pontevedra avanza no deseño do futuro skate da Parda

Unha xuntanza de traballo serviu para supervisar os aspectos máis técnicos da instalación

Esta actuación está cofinanciada pola Unión Europea a través do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) cunha achega do 60% do seu custe. 

Dúas recoñecidas persoas que practican deportes de skate e bmp na cidade, Israel Sousa e Iago Lastra, participaron esta semana nunha xuntanza de traballo no Concello coa concelleira de Deportes, Anabel Gulías, e as arquitectas Andrea Ricoy e Javier Segura para axustar algúns aspectos técnicos da instalación destinada para estes deportes con bicis e patíns no futuro parque da Parda. Tamén participou na xuntanza o Xefe de arquitectura do Concello, Ángel Velando.

Gulías agradeceu a implicación das protagonistas no avance do deseño facéndoos partícipes de perfilar os detalles que perfeccionen aínda máis o futuro espazo público. Unha instalación que se integrará no gran parque urbano da Parda e axudará a conformar unha zona de gran dimensión deportiva, pois no futuro acollerá un novo pavillón de deportes.

Desde as instancias deportivas recibiron todo tipo de explicacións —especialmente do arquitecto Segura, que tamén é practicante dalgunha destas disciplinas e coñece desde dentro as súas características— e realizaron interesantes observacións sobre os distintos circuitos e áreas das instalacións, que foron presentadas con planos, cotas e renders.

Precisamente as alturas, os materiais e características de bordillos, varandas, caixóns, pirámides ou rampas, además das pendentes, concebidas para que sirvan a distintos niveis de uso de cada disciplina e permitir algúns xogos máis creativos nos distintos percorridos sobre patíns ou bicis foron parte das intervencións dos deportistas, que se mostraron en xeral satisfeitos co deseño da instalación e agradecidos por seren consultados antes do empurrón definitivo da construción.

Fondos EDIL

Esta actuación está cofinanciada pola Unión Europea a través do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER), integrado no Programa Plurirexional de España (POPE) para o período 2021-2027. Trátase de axudas enmarcadas na Estratexia de Desenvolvemento Integrado Local (EDIL).

A axuda europea destínase a facer realidade o Plan de Actuación Integrado (PAI) “RAIL Pontevedra” (Reconexión, Accesibilidade Integral e Mellora Ambiental de Pontevedra Leste). Este Plan conta cun orzamento cofinanciado de 14.550.506 euros, dos cales o 60% corresponde á axuda europea FEDER (8.730.304 euros) e o 40% restante son achegados polo Concello de Pontevedra (5.820.202 euros). 

Ademais, o Concello de Pontevedra asume o compromiso de achegar o resto de fondos propios para garantir que o investimento total acade a ambiciosa cifra orixinal de 20.000.000 euros en catro proxectos clave: a dotación deportiva e de espazos públicos en “Monte porreiro Revive”; a xestión de inundacións en “Adapta e conecta A Seca – Valdecorvos”; o parque de “A Parda verde”; e a modernización de e-servizos con “Pontevedra SmartCity”.

Compartir publicación: