O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, anunciou hoxe a adxudicación á empresa Construcións Ramírez das obras de reforma do parque da rúa Doce de Novembro por un importe de 687.575 euros. Grazas a unha áxil xestión administrativa, o goberno municipal logrou licitar e adxudicar de novo o proxecto en menos de tres meses tras a quebra da anterior contratista.
Os traballos teñen un prazo de execución de catro meses e están financiados cos fondos que lle corresponden ao Concello de Pontevedra dos fondos provinciais da Deputación.
O rexedor pontevedrés explicou que a quebra da empresa que inicialmente executaba os traballos obrigou a paralizar o proxecto para evitar un bloqueo prolongado no tempo. Ante esta situación, o Concello e a anterior adxudicataria asinaron de mutuo acordo a rescisión do contrato, aprobada de xeito definitivo o pasado 14 de maio de 2026.
«En apenas tres meses, que é unha cifra récord, resolveuse o contrato, realizouse a nova licitación e xa está adxudicada a obra», salientou Fernández Lores. O alcalde amosou a súa gran satisfacción por desbloquear este proxecto. Esta actuación contará con financiamento a través das partidas reservadas no convenio que o Concello de Pontevedra mantén coa Deputación de Pontevedra.
A reforma transformará por completo a fisionomía desta contorna para dar prioridade aos peóns nunha superficie total de 4.700 metros cadrados. O proxecto técnico destaca polas seguintes actuacións:
- Pavimento sostible e permeabilidade peonil: O novo parque contará cun pavimento sostible e mellorará significativamente a conexión peonil na zona.
- Mellora da accesibilidade: Habilitarase unha nova rampa adaptada, equipada con pasamáns de aceiro inoxidable, que conectará a rúa Santa Teresa de Xesús con este espazo. Con esta medida darase saída a un fondo de saco peonil que afectaba á mobilidade local.
- Acceso ás traseiras e parcelas privadas: Facilitarase o acceso directo peonil ás traseiras dos edificios do entorno. O alcalde de Pontevedra puntualizou que, tras varios intentos, non se acadou un acordo para incorporar ao patrimonio municipal unha zona privada concreta.
- Área arborada de gran porte: Crearse unha zona con árbores de gran porte co obxectivo de embelecer o parque, mellorar o impacto visual e cubrir as medianeiras dos edificios colindantes.
O alcalde de Pontevedra concluíu afirmando que dende o Concello están «encantados de que por fin poidamos solucionar un problema que nos faltaba nesa zona».
Melloras sostidas no viario público
O alcalde tamén deu conta da adxudicación do contrato de obras de mantemento no viario urbano e espazos públicos de Pontevedra á empresa Elsamex Gestión de Infraestructuras por un orzamento de 2.700.000 euros.
Este contrato terá unha vixencia de tres anos, con posibilidade de prorrogarse dous anos máis se así o deciden o Concello e a empresa. O obxectivo é atender con celeridade as demandas continuas e de pequeno orzamento individual para manter as rúas e prazas en óptimo estado, abarcando a reparación de pavimentos e beirarrúas, bacheos asfálticos superficiais, mantemento da rede de sumidoiros e pluviais, reposición de mobiliario urbano (como bancos, papeleiras, bolardos ou varandas) e melloras na sinalización vertical e horizontal.
Cada actuación individual terá un límite económico de 40.000 euros (sen incluír o IVE) e non afectará a servizos xa adxudicados de xeito específico, como a limpeza viaria ou o alumeado público. Fernández Lores destacou o forte investimento municipal neste eido, subliñando que a partida de mantemento anual medrou progresivamente dende os 250.000 euros en 2018 ata acadar os 900.000 euros previstos para este ano 2026.
Seguro da flota municipal en condicións vantaxosas
Por último, aprobouse a adxudicación do contrato de cobertura de riscos para a flota de vehículos de motor de titularidade municipal á compañía Occident GCO de Seguros y Reaseguros por un importe total de 100.454 euros.
O contrato, que saíra a licitación por 153.760 euros, adxudicouse cun importante aforro para as arcas municipais (quedando nun custo de 50.227 euros por ano) por un período de dous anos —desde o 16 de outubro de 2026 ata o 16 de outubro de 2028—, prorrogable por un ano adicional. Esta póliza dará cobertura a un total de 131 vehículos municipais de todas as categorías, dende turismos e furgonetas ata motocicletas, ciclomotores, vehículos industriais, remolques e camións pesados e lixeiros.