O edil de Facenda, Raimundo González, presentou esta mañá unha modificación de crédito “simple e completa” grazas á boa saúde financeira do Concello, que aínda conservará máis de 12,8 millóns de euros en tesourería
Iván Puentes subliñou a aposta do seu grupo por facer de Pontevedra unha cidade gobernable, transformando as demandas veciñais en acordos e en obras e solucións que consideramos moi necesarias”, precisando que, fronte a outras modificacións de crédito nas que se optou por proxectos máis estratéxicos, para este último acordo decidiron introducir “cuestións que sexan executables durante o que falta de mandato”
O Goberno Local e o grupo municipal do Partido Socialista de Pontevedra compartiron espazo na rolda de prensa desta mañá destinada a anunciar un acordo clave sobre a que supón a quinta modificación de crédito do presente mandato.
Na comparecencia, á que deu inicio o voceiro municipal do PSdeG, Iván Puentes, para salientar a vontade de diálogo e a busca de realismo con proxectos executables na recta final do mandato, estivo tamén presente o concelleiro de Facenda, Raimundo González, que desglosou o que supón para o Concello este acordo, expoñendo as principais cifras e os proxectos estruturais dunha proposta que reflicte o forte impulso investidor e de promoción para o municipio.
Así, o portavoz municipal do PSOE, Iván Puentes, subliñou que aprobación desta quinta modificación de crédito do mandato é o resultado da aposta dos socialistas “polo diálogo, en lugar de pola confrontación, e por facer de Pontevedra unha cidade gobernable, transformando as demandas veciñais en acordos e en obras e solucións que consideramos moi necesarias”. Dada a proximidade da vindeira cita electoral (en maio de 2027), fronte a outras modificacións de crédito nas que o Partido Socialista optou por introducir proxectos máis estratéxicos, de mandato, para este último acordo decidiron manter unha visión “máis realista”, introducindo “cuestións que sexan executables durante o que falta de mandato”. “Os proxectos que solicitamos responden a demandas moi prácticas que recollemos da veciñanza nos últimos tempos”, indicou.
Entre esas actuacións negociadas polos socialistas inclúense as obras para acabar coas inundacións na rúa do Santo; a redacción dun plan de mobilidade consensuado para a rúa Cruz Gallástegui; a sinalización e posta en valor do Espazo Natural de Interese Local (Enil) do río dos Gafos e da senda do rego de Valdecorvos; unha axuda á Coral Polifónica de Pontevedra para poder levar a súa obra Leucoíña ao País Vasco; completar a reforma do parque de Pasarón co conxunto escultórico dedicado a Cholo e á histórica xeración do ‘Hai que Roelo’; a obra para optimizar a drenaxe do terreo de xogo de Pasarón (unha partida de 563.000 €, correspondente ao terzo que lle correspondería ao Concello); impulsar a instalación dos novos vídeo marcadores e a megafonía do Estadio de Pasarón cunha suplementación para a substitución do cableado; destinar 270.000 € a adquirir o transformador de Fenosa en Mollavao e convertelo en centro social do barrio; rehabilitar o chan da pista polideportiva do CEIP Cabanas (Salcedo), facéndoo compatible para a práctica da patinaxe; outra achega de 25.000 euros para o módulo provisional da Escola Cidade de Pontevedra de Piragüismo; uns 14.000 € para a Escola de Piragüismo de Verducido; e unha partida para que a Mancomunidade de Monte de Pontevedra poida desenvolver campañas de prevención de incendios forestais.
O concelleiro de Facenda informou de que esta primeira modificación orzamentaria do ano ascende exactamente a 12.660.574,64 euros. González subliñou que esta operación finánciase “fundamentalmente e unicamente” co Remanente Líquido de Tesourería (RLT), o que testemuña a “boa saúde económica e financeira” da que dispón a administración local. A pesar da elevada contía mobilizada, o concelleiro transmitiu total tranquilidade ao asegurar que o Concello aínda conservará un sobrante de 12.800.000 euros de fondos líquidos en tesourería sen esgotar.
González cualificou a modificación como “simple e ao mesmo tempo completa”. Explicou que se incorporan un total de 42 partidas ao orzamento municipal, das cales 11 son de nova creación, mentres que as outras 31 constitúen incrementos ou suplementos de partidas que xa existían para dar resposta a necesidades inmediatas de diversas áreas.
O bloque central do gasto centrarase na área investidora, á que se destina case o 50% dos fondos mobilizados, sumando preto de 6 millóns de euros. Entre as actuacións máis destacadas especificadas por González atópanse:
- A adquisición de terreos por un importe de 2.650.000 euros.
- O saneamento do Gafos na zona da estación de autobuses con 752.000 euros.
- O financiamento do terzo municipal correspondente á mellora e drenaxe do campo de fútbol de Pasarón por 563.000 euros.
- A execución de obras de urxencia e mellora no Teatro Principal por un valor de 552.000 euros.
- Actuacións no Mercado de Abastos que contan cunha partida de 514.000 euros.
- A renovación e canalización da rúa do Santo por 491.000 euros
- Melloras na escola infantil de Monte Porreiro por importe de 110.000 euros.
Ademais do apartado estritamente investidor, o concelleiro de Facenda detallou un reforzo de partidas destinadas a impulsar a actividade económica, cultural e de promoción da cidade. No ámbito do deporte, sobresae a creación dunha nova liña de subvencións para clubs deportivos dotada con 330.000 euros. A este investimento súmanse diversos convenios de apoio a entidades e eventos emblemáticos da cidade, como o convenio coa Sociedad Gimnástica de Pontevedra (56.000 €), o torneo de verán de balonmán do Club Cisne e do Teucro (35.000 €), o Pentatlón (30.000 €), o campionato de tenis (25.000 €), as actividades do club de piragüismo de Verducido (14.000 €) e o Galaico (9.500 €).
Así mesmo, a modificación contempla unha partida de case 1,5 millóns de euros destinados a abonar á Xunta de Galicia polo canon de saneamento derivado dunha nova taxa autonómica.
Por último, o edil de Facenda explicou que o Goberno Local trasladou a proposta ao Partido Popular antes de comparecer en rolda de prensa, perante a posibilidade de acordar emendas sen aceptar dereitos de veto. González amosouse confiado en obter o voto favorable da oposición, xa que moitas das cuestións incluídas foron sometidas previamente a pleno e contaban co acordo de todos.
Pola súa banda, Puentes amosou o seu escepticismo a que o PP vote de xeito favorable os proxectos contemplados nesta modificación orzamentaria, polo que entende que a Rafa Domínguez lle corresponde explicar “que obras non comparten el e o seu partido” e, sobre todo, “por que vota en contra de cuestións como que se resolvan as inundacións na rúa do Santo; que se modifique o estado do terreo de xogo de Pasarón; que se cambie a pista do colexio de Cabanas; que se lles dean subvencións aos clubs deportivos…”. “Que voten en contra de todo o que eles mesmos piden sistematicamente no Pleno. As peticións- asegurou- está moi ben facelas, pero sen cartos non se poden executar e, cada vez que hai que poñer os cartos enriba da mesa, votan en contra. Isto non é algo complexo, como un orzamento, senón obras concretas para as que se poñen cartos do orzamento. Que diga que obras destas non comparte e, se finalmente vota en contra, que explique por que se opón a que estes veciños, clubs e asociacións, incluída a do seu barrio (Mollabao), reciban estes investimentos e actuacións”.
A folla de ruta para esta modificación arranca mañá mesmo co seu debate na comisión de contas ás 12:00 horas, mentres que a súa votación definitiva e aprobación orzamentaria levarase a cabo nun pleno extraordinario fixado para o vindeiro venres, 7 de agosto, ás 09.30h.