O Concello mellora a accesibilidade en catro rúas dos barrios da cidade

A Concellaría de Servizos Urbanos Básicos completou os traballos nesta semana para atender a problemas detectados nas rúas Portugal, Carrasqueira, Gaiteiro Soutelo e Tablada. 

Pontevedra completou esta semana diversas actuacións de mellora peonil e eliminación de barreiras arquitectónicas en catro rúas de barrios da cidade. Estes traballos, executados a través da Concellaría de Servizos Urbanos Básicos que dirixe Xaquín Moreda, responden a deficiencias de accesibilidade previamente detectadas, pasos peonís que estaban mal resoltos e suxestións da veciñanza.

Xaquín Moreda explicou que estas intervencións localizadas forman parte dunha estratexia constante de atención e posta ao día do espazo público. “Estas obras non constitúen unha meta definitiva nin un feito illado, senón que son parte dun traballo diario e permanente que o Concello continuará desenvolvendo no tempo para mellorar as rúas”, sinalou Moreda. Tamén destacou que “a escoita activa ás demandas veciñais e a corrección de fallos ou barreiras en puntos concretos son fundamentais para garantir que Pontevedra sexa unha cidade cunha mobilidade segura e accesible para todas as persoas”.

As melloras desta semana centráronse nos seguintes puntos:

  • Rúa Portugal: resolveuse a accesibilidade e o acougamento do tráfico mediante a execución de dous pasos peonís elevados e un lombo de asno.
  • Rúa Carrasqueira: corrixiuse a seguranza viaria coa instalación dun paso peonil elevado fronte ao Burger King e un lombo de asno á altura do número 13 .
  • Rúa Gaiteiro de Soutelo: construíuse un novo paso peonil elevado no tramo final da rúa (a modo de plataforma) para dar resposta ás necesidades de seguridade peonil detectadas nese sector.
  • Rúa Tablada: procedeuse á ampliación dun paso peonil elevado que estaba mal resolto na súa configuración anterior.

Estas actuacións puntuais realizáronse con cargo ao contrato de mantemento urbano que desenvolve a empresa Elsamex.

Compartir publicación: