A concellaría de Servizos urbanos básicos, que xestiona Xaquín Moreda acomete estes días a posta a punto dos proxectores dos soportais da rúa Soportais e a colocación de novos focos nos arcos do Museo e da Pedreira.
O departamento de Servizos Urbanos Básicos que xestiona Xaquín Moreda iniciou hoxe os traballos de mantemento e ampliación do alumeado artístico en diversos puntos do centro histórico. A intervención contempla a limpeza integral dos proxectores situados na rúa Soportais e unha nova instalación nos soportais da rúa Princesa, así como a colocación de novos focos de luz nos arcos do Museo de Pontevedra e no arco da praza da Pedreira. Con esta medida preténdese mellorar a iluminación monumental, reforzar a seguridade peonil e potenciar o atractivo dos elementos arquitectónicos da zona monumental.
O edil responsable da área, Xaquín Moreda, explicou que estes traballos van máis alá das tarefas habituais e realízanse de xeito independente, á marxe do contrato de conservación ordinario do municipio. “A nova tecnoloxía LED permítenos completar a iluminación monumental que fora creada no seu momento pero que daba fallos polas humidades e a condensación”, apontou Moreda, quen salientou que os novos equipos garanten o funcionamento con total resistencia ante as inclemencias meteorolóxicas.
Esta nova intervención súmase ás actuacións de mantemento levadas a cabo ao longo do ano para poñer en valor o patrimonio urbano e mellorar a imaxe dos espazos públicos. Recentemente finalizouse a modernización completa do alumeado na contorna do Campiño de Santa María, da praza da Peregrina, dos bancos da avenida de Santa María, a renovación de focos na rúa Don Gonzalo, na praza de Méndez Núñez, e á instalación de oito proxectores LED na fachada de Santa Clara.