O Concello estende esta semana o plan de rehabilitación dos firmes ás avenidas de Bos Aires e do Uruguai

As obras centraranse este mércores e xoves na glorieta da ponte de Santiago cun operativo de tráfico especial.

Os traballos avanzan tamén no rural en Mourente e Ponte Bora antes de trasladar a maquinaria á parroquia de Tomeza 

O Concello de Pontevedra continúa esta semana co despregamento do plan de reposición de firmes a través da Concellaría de Servizos Urbanos Básicos, dirixida por Xaquín Moreda. As actuacións urbanas centraranse no asfaltado da avenida do Uruguai e de parte da avenida de Bos Aires, no tramo comprendido entre a ponte das Correntes e a ponte de Santiago. Dende onte as máquinas están a fresar e a pavimentación distintos panos das avenidas, aqueles que estaban en peor estado.

O núcleo central da intervención nesta zona está previsto para mañá, mércores 15 e xoves 16 de xullo, cando se procederá ao fresado e asfaltado da glorieta que conecta a ponte de Santiago coa avenida de Bos Aires e Padre Amoedo. Co obxectivo de garantir a fluidez e a seguridade viaria, deseñouse un operativo de tráfico especial coordinado coa Policía Local.

O plan de mobilidade establece o peche ao tráfico da avenida de Bos Aires no tramo situado entre a ponte do Burgo e a ponte dos Tirantes. Os traballos executaranse en horario de mañá, desde as 07:00 ata as 15:30 horas, de xeito que a vía quedará completamente libre para a circulación durante o resto da xornada. Para canalizar o tránsito, elaborouse un plano no que a mobilidade no que o acceso a residentes e servizos básicos se garante.

Avance simultáneo nas parroquias do rural

En paralelo á actividade na zona urbana, o cronograma avanza tamén no medio rural. Durante esta semana os operarios están a pavimentar o lugar de Laxiñas, na parroquia de Mourente, así como os lugares do Teso e do Tombo, na parroquia de Bora. Unha vez que se completen estas melloras, a maquinaria desprazarase á parroquia de Tomeza para continuar coas intervencións previstas.

Estas actuacións dánlle continuidade aos traballos executados nas últimas semanas no municipio. No ámbito urbano xa se completou o asfaltado das rúas Doce de Novembro, Xosé Malvar (entre as rotondas de Loureiro Crespo e Valdecorvos) e o tramo de Corvaceiras. No medio rural, os traballos previos xa melloraron as comunicacións no lugar do Marco (Lourizán), Banqueira e Barragáns, o camiño entre O Bispo e Soutonovo (Campañó) co de Lampreeira (Alba), e o acceso ao novo campo de fútbol de Salcedo.

Investimento de 4,4 millóns de euros en catro lotes

Este proxecto de mantemento e seguridade viaria representa a maior dotación económica nesta materia realizada polo Concello. Adxudicado por un importe global de 4.444.436 euros, o contrato estrutúrase en catro lotes para permitir a execución de obras de xeito simultáneo e integral en todo o termo municipal.

A empresa E.C. Casas asume o lote do centro urbano (por 1.139.371 euros) e o de barrios e zona periurbana (por 1.108.375 euros). Pola súa banda, a firma COVSA executa o lote do medio rural (por 1.124.685 euros) e o correspondente aos parques empresariais (cun orzamento de 1.072.004 euros). No mes de agosto está programado actuar nos polígonos industriais do Campiño e do Vao, onde se renovará o 100% da superficie de rodadura, o que supón actuar sobre 43.806,3 metros cadrados.

En total, o plan abrangue unha superficie de 191.304,5 metros cadrados de vías ao longo de case 40 quilómetros de estradas. A intervención integral non se limita á renovación do asfalto, senón que inclúe de forma conxunta medidas de calmado de tráfico con novos redutores de velocidade para reforzar a seguridade viaria e a renovación de toda a sinalización horizontal e vertical.

Plan de mobilidade

No plano, en verde figura a mobilidade ordinaria, e en azul o acceso a residentes e servizos.

Compartir publicación: