O festival celebrarase do 13 ao 18 de xullo nos xardíns de Marescot e na praza do Teucro con espectáculos infantís e de adultos
Pontevedra acollerá do 13 ao 18 de xullo unha nova edición do festival Titirivedra, un evento deseñado para achegar a arte dos monicreques a toda a cidadanía. As funcións desenvolveranse nos xardíns de Marescot ás 19.00 horas para o público infantil, mentres que a praza do Teucro acollerá os espectáculos dirixidos a adultos as noites do luns e do martes ás 22.00 horas.
O concelleiro de Festas, Demetrio Gómez, salientou que a programación se planificou para ofrecer propostas de calidade nas Festas do verán. “Teñen que ser festas para todos e para todas, especialmente para as crianzas”, explicou Gómez, quen puxo en valor que Pontevedra aposta por diversificar as disciplinas artísticas durante o verán. O concelleiro sinalou tamén que a interacción física e teatral cos monecos supón unha alternativa indispensable fronte ao consumo de contidos dixitais, destacando que as crianzas gozan moito desta experiencia directa.
Pola súa banda, Borja Insua definiu a carteleira deste ano como unha proposta equilibrada e de proxección internacional, que reúne a creadores de Arxentina, Euskal Herria e Galicia. Insua subliñou o interese de contar con Manuel Mansilla, recoñecido no ámbito internacional polo seu traballo en Europa, quen ofrecerá pases para nenos e adultos. Do mesmo xeito, destacou a combinación de formacións históricas do teatro galego como Os Monicreques de Kukas co talento emerxente de novas compañías locais como Titiritrés.
O responsable da compañía Calina Teatro, Plamen Dipchikov, detallou a súa experiencia coa obra Limonardo dá vento, que se representará durante o festival. Dipchikov expuxo que o espectáculo afonda na procura de respostas e no camiño da vida a través dunha criatura nacida dun limón. “Ao final resulta que sempre vence o que insiste, o que persigue a súa razón, o que defende a verdade e a xustiza sobre todo”, engadiu o creador galego-búlgaro.
A programación completa do ciclo estrutúrase do seguinte xeito:
- Luns 13
- 19.00 h: Titiritrés (Galiza) representa Emotivas nos Xardíns do Doutor Enrique Marescot
- 22.00 h: Manu Mansilla (Arxentina) presenta a obra para adultos Cóctel na Praza do Teucro
- Martes 14
- 19.00 h: Manu Mansilla (Arxentina) ofrece o espectáculo Títeres a cielo abierto nos Xardíns do Doutor Enrique Marescot
- 22.00 h: Fantoches Baj (Galiza) presenta a obra para adultos Castelao, un corazón á intemperie na Praza do Teucro
- Mércores 15
- 19.00 h: Kalina Teatro (Galiza) representa Limonardo dá vento nos Xardíns do Doutor Enrique Marescot
- Xoves 16
- 19.00 h: Os Monicreques de Kukas (Galiza) ofrece a obra Xan Perillán, compra queixo, compra pan nos Xardíns do Doutor Enrique Marescot
- Venres 17
- 19.00 h: Títeres Babaluva (Galiza) presenta Feira das sementes nos Xardíns do Doutor Enrique Marescot
- Sábado 18
- 19.00 h: Ostomila (Euskal Herria) pecha o ciclo coa obra Alaia nos Xardíns do Doutor Enrique Marescot