O alcalde e a concelleira do Rural supervisaron hoxe os traballos de asfaltado nuns terreos cedidos pola Comunidade de Montes
As obras de pavimentación actúan sobre unha pista de 700 metros de lonxitude de acceso ao recinto deportivo e á área recreativa
Os traballos para acondicionar o acceso ao novo campo de fútbol de Salcedo atópanse hoxe en plena execución coa pavimentación do viario e foron supervisados polo alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, e a concelleira do Rural, María José Abilleira.
A intervención supón a pavimentación dunha pista de 700 metros de lonxitude que abarca unha superficie de 5.660 metros cadrados. Os terreos sobre os que se executa a mellora do firme foron cedidos de xeito gratuíto e indefinido ao Concello pola Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Salcedo, co obxectivo de optimizar a seguridade viaria e a funcionalidade do acceso.
Durante a supervisión, Miguel Anxo Fernández Lores amosou a súa satisfacción pola envergadura deste proxecto: «Estamos hoxe visitando os accesos ao campo de fútbol de Salcedo, que se rematou no ano 2025 cunha inversión moi potente de preto de dous millóns de euros. Agora mesmo o que estamos facendo son os accesos, que son unha pista de 700 metros de longo á que só lle falta un tramo pequeno por asfaltar no inicio vindo de Salcedo».
O alcalde subliñou que a obra dota á parroquia de «un acceso digno» e agradeceu a implicación social: «Quero felicitar e agradecer á Comunidade de Montes, que foi a que cedeu estes terreos, onde antes se situaba o campo de tiro da Brilat. É unha zona marabillosa que eu lle recomendo a todos os pontevedreses que se acheguen a vela porque é para estar unha tarde, para pasear cos amigos e para que os nenos coñezan a historia tamén de Salcedo e desfruten dos espazos naturais que temos a tres quilómetros da cidade».
A pavimentación do camiño en Salcedo inclúese dentro do macrocontrato municipal de rehabilitación de firmes, un plan estratéxico que mobiliza un investimento total de 4.444.436 euros para actuar en case 40 quilómetros de estradas (191.304,5 metros cadrados) de todo o termo municipal.
En concreto, as obras do ámbito rural atópanse agrupadas nun lote adxudicado á empresa COVSA por un importe de 1.124.685 euros. Este bloque abrangue un total de 46 actuacións de pavimentación nas 15 parroquias do rural, un plan global que tamén incorpora a renovación integral da sinalización horizontal e vertical, así como a colocación de novos redutores de velocidade para reforzar a seguridade viaria.
Un equipamento deportivo e de lecer de referencia
O campo de fútbol de Salcedo aséntase sobre unha superficie total de 37.537 metros cadrados cedidos pola Comunidade de Montes, nun espazo que antigamente acolleu o campo de tiro militar da Brilat. A parcela distribúese en 24.537 metros cadrados destinados ao terreo de xogo, 7.355 metros cadrados destinados a unha zona de aparcadoiro público, e os 5.660 metros cadrados correspondentes ao acceso que hoxe se está a pavimentar.
Na actualidade, a instalación conta cun campo de fútbol de herba artificial de altas prestacións con medidas homologables pola FIFA (100×58 metros). O recinto complétase con catro vestiarios para xogadores, dous para árbitros, enfermaría, cantina, aseos públicos, almacéns e un espazo adaptado para bicicletas, de utilidade para a práctica do ciclismo de montaña na zona.
Así mesmo, o complexo de lecer de Salcedo engade valor pedagóxico e recreativo ao dispoñer dunha aula da natureza, parque infantil, zonas de estancia e un acceso peonil á área recreativa onde se sitúan as cabanas de madeira que recrean as vivendas dos antigos poboadores dos castros de Salcedo.