Pontevedra acolle o XXVII Memorial Ricardo Portela esta fin de semana

A programación inclúe a XXIV Mostra de Artesáns de Instrumentos Tradicionais e renderá homenaxe a José Fernández Canosa. 

Pontevedra celebrará entre os días 10 e 12 de xullo a vixésima sétima edición do Memorial Ricardo Portela, un evento que volverá encher as prazas e rúas da cidade co son da música tradicional. A cita destaca por acoller o festival do toque pechado de gaita e por reunir a creadores e intérpretes nunha fin de semana dedicada á posta en valor deste patrimonio cultural.

O concelleiro de Festas, Demetrio Gómez amosou a súa satisfacción pola continuidade do encontro e sinalou que dende o Concello «estamos encantados de que se volva a celebrar e de que Pontevedra acolla o festival do toque pechado da gaita».

Pola súa banda, Alberto Pires, en representación da Asociación de Gaiteiras Galegas, quixo «agradecer un ano máis o apoio do Concello porque sen eles isto non sería posible». Pires destacou a consolidación histórica do festival, que en tres anos acadará as tres décadas de traxectoria: «levar 27 anos organizando unha cousa coma esta e enchendo de música tradicional as rúas dunha cidade tan bonita como Pontevedra xa é importante».

Homenaxe a José Fernández Canosa, «O ghaiteiro do Piñeiro»

A presente edición do memorial renderá unha homenaxe á traxectoria e á figura de José Fernández Canosa, coñecido artisticamente como «O ghaiteiro do Piñeiro», un dos nomes máis destacados da música tradicional da comarca do Morrazo. Alberto Pires describiuno como «un dos referentes na zona do Morrazo».

Nacido no seo dunha familia de gaiteiros, formouse dende neno xunto ao seu pai e ao seu tío. Ao longo de máis de cincuenta anos de actividade, integrou numerosos grupos, entre eles Airiños do Piñeiro, do cal foi fundador. Tamén formou parte doutras formacións como Airiños do Mar de Hío ou Airiños do Castelo.

O estilo de Fernández Canosa caracterizouse por ser moi propio e recoñecible, cunha ornamentación moi rica, o uso expresivo dos silencios, o toque pechado e un característico venteo con toda a man. Foi un transmisor fundamental das tradicións de Aldán, onde exerceu como gaiteiro da Danza de Aldán durante dúas décadas. A súa traxectoria quedou recollida no disco O ghaiteiro do Piñeiro e foi recoñecida con premios como o Xoán de Cangas ao labor cultural.

A homenaxe oficial terá lugar o sábado 11 de xullo ás 21:00 horas na praza da Ferraría, xusto antes do concerto do grupo Cantares do Brión.

XXIV Mostra de Artesáns de Instrumentos Tradicionais

Un dos piares fundamentais do memorial é a XXIV Mostra de Artesáns de Instrumentos Tradicionais, que se instalará no Paseo de Antonio Odriozola. Alí exporanse os traballos de artesáns de diferentes instrumentos, principalmente gaitas, pero tamén percusión e corda.

O horario de apertura ao público da mostra será o seguinte:

  • Venres 10 de xullo: de 17:00 a 21:30 horas.
  • Sábado 11 de xullo: de 11:30 a 14:00 horas e de 17:30 a 21:30 horas.
  • Domingo 12 de xullo: de 11:30 a 14:00 horas e de 17:30 a 21:30 horas.

Programación de pasarrúas e concertos

Durante os tres días do certame, a música percorrerá as prazas e rúas de Pontevedra, culminando cada xornada con concertos gratuítos na praza da Ferraría.

Venres 10 de xullo:

  • 17:30 horas: Pasarrúas a cargo de Cantigas e Frores, Herba Grileira e Par de Par.
  • 21:00 horas: Concerto de Acordeireta na praza da Ferraría.

Sábado 11 de xullo:

  • 11:30 e 18:00 horas: Pasarrúas cos grupos Airiños de Carril, Os Enxebres de Caxeiras, Os Picurruchos e Picuiña.
  • 21:00 horas: Acto de homenaxe a José Fernández Canosa na praza da Ferraría.
  • 21:15 horas: Concerto de Cantares do Brión na praza da Ferraría.

Domingo 12 de xullo:

  • 11:30 e 18:00 horas: Pasarrúas cos grupos Boudebou, Faiscas de Solobeira, Gaiteiros das Rías Baixas e Os Folieiros.
  • 21:00 horas: Concerto de Zarandela na praza da Ferraría.

Compartir publicación: