A competición celebrarase o 9 de agosto na praia de Monte Porreiro e puntuará para a Copa de España e o novo circuíto luso-galaico
Pontevedra acollerá o vindeiro domingo 9 de agosto de 2026 a IV Travesía a Nado do Lérez, unha cita consolidada que reunirá a preto de 300 nadadores na praia de Monte Porreiro. Organizado conxuntamente polo Club Natación Galaico e o Concello, o evento destaca este ano por ser a décimo quinta etapa da XI Copa de España de Augas Abertas (Tour 500) e por formar parte do novo Circuíto Luso-Galaico, froito dun convenio con Portugal que integra cinco probas entre Galicia e o país veciño.
A tenente de alcalde, Eva Vilaverde, salientou que esta proba se atopa plenamente consolidada tanto no calendario local como no calendario estatal de augas abertas. “Estamos especialmente satisfeitos e contentas dende o Concello de poder seguir colaborando co Club Natación Galaico, porque encaixa perfectamente cpa cidade que vive o deporte, que promove e sabe organizar grandes eventos de calidade”, subliñou Vilaverde. A tenente de alcalde tamén puxo en valor as condicións do Lérez, un “espazo natural espectacular que ofrece unhas excelentes características” para a práctica deportiva.
A competición terá como centro neurálxico a praia fluvial de Monte Porreiro, un escenario de augas salobres que ofrece unhas condicións óptimas para nadadores e público. A proba raíña constará de 4.000 metros de distancia, esixindo o máximo dos deportistas de categorías Élite, Júnior, Infantil e Máster, que completarán dúas voltas a un circuíto de 2.000 metros.
A travesía sitúase no “Top 3” de España segundo as enquisas da Real Federación Española de Natación (RFEN), ocupando o segundo posto en organización xeral e o terceiro en localización e accesos. Ademais do alto rendemento, a xornada concíbese como unha “festa do deporte” accesible e participativa. Por este motivo, haberá categorías para todas as idades con distancias adaptadas, dende os 1.250 metros da proba popular e infantil ata os 200 e 50 metros das categorías de base, xunto cunha categoría inclusiva deseñada para nadadores con diversidade funcional.
Vilaverde incidiu no impacto socioeconómico da cita, indicando que a chegada de centos de persoas “supón unha importante dinamización da actividade económica e reforza a relevancia do turismo deportivo en Pontevedra”.
A organización ofrecerá aos participantes servizos de cronometraxe con control de tempos en directo vía móbil, aparcamento gratuíto, zona especial de autocaravanas e música en directo. A retirada de dorsais realizarase dende as 09:00 horas e as saídas oficiais comezarán ás 11:25 horas. As inscricións están abertas na plataforma ChampionChip Norte ata o vindeiro 30 de xullo ás 23:59 horas.